O Concello de Antas de Ulla inicia unha campaña de divulgación para incrementar a separación dos biorresiduos

O Concello de Antas de Ulla inicia unha campaña de divulgación para incrementar a separación dos biorresiduos

O Concello aplicará unha bonificación do 30% na taxa de recollida de residuos

O Concello de Antas de Ulla inicia o ano 2024 coa aposta por seguir aumentando a reciclaxe dos bioresiduos, mediante o contedor marrón na rúa e a compostaxe doméstica nas casas. Ademais o Concello aplicará una bonificación do 30% na taxa de residuos para todas aquelas vivendas que participen do proxecto, que será de aplicación no exercicio 2025, coa entrada en vigor da nova Ordenanza.

Nas próximas semanas, o Concello iniciará unha extensa campaña de divulgación coa veciñanza das zonas onde se instalaron, en decembro de 2023, os contedores marróns nos que hai que depositar os restos orgánicos. Así, pasará por todas as vivendas do núcleo para facer chegar a mensaxe da importancia da separación de residuos en orixe e da introdución da fracción orgánica nos novos contedores.

Para todas aquelas vivendas que decidan sumarse ao proxecto e empezar a botar os restos da comida separadamente no contedor marrón, o Concello vailles entregar unha chave para poder abrir o contedor, un rolo de bolsas biodegradables (coas que hai que botar o lixo), e 2 guías sobre a correcta separación dos diferentes tipos de residuos e sobre consellos para evitar o malgasto alimentario e o consumo de proximidade. Ademais, estas vivendas poderán pedir a bonificación do 30% da taxa de residuos. A parte tamén se farán visitas as grandes xeradores de refugallo orgánico (bares, restaurantes, superficies de alimentación…), para que se unan ao proxecto e aos centros escolares.

Ademais, para as vivendas unifamiliares con parcela verde o Concello continúa apostando pola compostaxe doméstica como a forma mais eficiente de reciclaxe da materia orgánica. Neste ano vanse adquirir 80 novos composteiros que serán cedidos a cidadanía que así o desexe, sumándose aos case 200 que xa se instalaron en 2020.

Neste sentido o Concello de Antas de Ulla sigue avanzando no cumprimento da lei de residuos estatal e traballando para conseguir os obxectivos europeos a nivel de residuos. O Concello continúa os pasos cara unha transición ecolóxica para un municipio mais amable coas persoas e o medio ambiente e economicamente eficiente e sostible.

O Concello de Antas de Ulla pon en marcha unha campaña de trampeo de velutinas para evitar a formación de niños

O Concello de Antas de Ulla puxo en marcha con fondos propios unha campaña de trampeo de vespas velutinas.

“En concreto, instalamos 100 trampas xeolocalizadas por todo o concello para a captura de vespas raíñas, evitando desta forma a formación de niños”, explica a alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto.

O Concello de Antas de Ulla coorganizou unha reunión informativa sobre a campaña da velutina coa Asociación Galega de Apicultura, e agora pon en marcha esta campaña de trampeo.

A esta campaña municipal uniranse as 70 trampas que instalará o Seaga para o control das velutinas en Antas de Ulla.

“Puxemos en marcha esta campaña preventiva desde o concello porque consideramos que é importante controlar as velutinas e axudar aos veciños neste tema”, engade García Porto, “preservando a súa saúde e protexendo a produción de mel”.

O Concello de Antas de Ulla publica o listado definitivo de admitido/as no proceso de selección de persoal interino para o posto de Secretaría-Intervención

O Concello de Antas de Ulla publica o listado definitivo de admitido/as no proceso de selección de persoal interino para o posto de Secretaría-Intervención e as datas do proceso de selección.

A realización dos exercicios da fase de oposición terá lugar o día 25 de abril na Casa do Concello de Antas de Ulla, a partir das 09:30 horas, debendo presentarse todos o/as aspirantes á hora referida, provisto/as da preceptiva
documentación identificativa.

Máis información: https://concellodeantas.sedelectronica.gal/board

O Concello de Antas de Ulla publica o listado provisional de admitido/as no proceso de selección de persoal interino para o posto de Secretaría-Intervención

Expirado o prazo de presentación de solicitudes de admisión ao proceso e examinada a documentación, quedou aprobada a relación provisional de aspirantes admitido/as e excluídos/as.

Publicada no Taboleiro de Anuncios do Concello, así como na sede electrónica. Os/as interesado/as dispoñen dun prazo de 3 días hábiles para a subsanación de defectos ou omisións, e para reclamacións.

Máis información: https://concellodeantas.sedelectronica.gal/board

O Concello de Antas de Ulla remata unhas obras para mellorar a accesibilidade da casa consistorial

O Concello de Antas de Ulla rematou unhas obras para mellorar a accesibilidade do edificio da Casa Consistorial, dándolle así un mellor servizo aos veciños e veciñas.

O concello contra agora cun novo ascensor, baños adaptados a persoas con mobilidade reducida e unha porta acristalada de acceso, mellorando así a eficiencia enerxética das instalacións.

“Unhas actuacións coas que melloramos a casa de todos veciños e veciñas, impulsando a accesibilidade e a comodidade das instalacións”, explica a alcaldesa, Pilar García Porto.

Para realizar os traballos, o concello obtivo unha subvención da Xunta de Galicia con fondos europeos destinada “a concellos e mancomunidades para actuacións en materia de accesibilidade de competencia municipal”.

O Concello de Antas de Ulla contrata a reforma da Casa da Cultura tras meses de intensas xestións “pola neglixencia do anterior goberno local”

O Concello de Antas de Ulla contratou oficialmente esta mesma mañá a reforma da Casa da Cultura de Antas de Ulla, tras varios meses de intensas xestións “para arranxar coa maior celeridade a neglixencia do anterior goberno local”. As obras estarán rematadas a finais de verán.

Tras o acto administrativo desta mañá de sinatura do contrato entre o concello e a empresa que se vai encargar da execución da obra, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, asistiu á presentación á veciñanza de Antas de Ulla do proxecto xunto á alcaldesa, Pilar García Porto, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.

O Concello de Antas de Ulla ingresou en decembro de 2022 a subvención de 816.000 euros que lle foi concedida polo Goberno de España con fondos europeos para a reforma da Casa da Cultura, “pero e o anterior alcalde destinou todos eses cartos ó pago de facturas que tiña pendentes”, lembra García Porto.

“É dicir, desviou os fondos públicos con carácter finalista que recibiu o concello para as obras da Casa da Cultura para pagar facturas e débedas. E fíxoo en época preelectoral, durante os seis meses antes ás eleccións municipais, polo que a neglixencia foi absoluta”, engade a alcaldesa.

“Puxémonos a traballar coa maior celeridade, xa que nin sequera había proxecto de execución, e xestionamos un crédito a longo prazo que nos permitirá afrontar a obra sen lastrar a economía do concello”, explica a García Porto. “Conseguimos o crédito grazas a ter uns orzamentos aprobados e en vigor desde o pasado 1 de xaneiro”, afirma.

Este proxecto inclúe a reforma da envolvente enerxética do edificio actual da Casa da Cultura, mellorando o seu illamento e gañando en confortabilidade. Manterase o equipamento da Biblioteca e reordenarase o resto do espazo dispoñible para posibilitar que sexa polivalente e accesible a todas as asociacións culturais do concello.

O Concello Antas de Ulla publica as bases para a contratación de oito operarios/as e un arquitecto/a

O BOP de Lugo de hoxe, 29 de xaneiro, publica as bases para a contratación, en réxime de persoal laboral temporal, de 8 prazas de operario/as de servizos múltiples, a xornada completa e durante seis meses, no marco do Progama de Reforzo do Emprego 2024 financiado pola Deputación Lugo.

Ábrese o prazo de presentación de solicitudes, que será de dez días hábiles.

Por outra parte, publicáronse tamén as bases e a convocatoria para a provisión dunha praza de arquitecto/a, funcionario/a interino/a para o Concello de Antas de Ulla.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais.

Toda a información no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Antas de Ulla (https://concellodeantas.sedelectronica.gal) e no BOP de hoxe: https://lc.cx/4J_Cbv

Os Reis Magos visitan Antas de Ulla este venres nunha máxica festa para a infancia

O Concello de Antas de Ulla recibe este venres, 5 de xaneiro, a visita das súas maxestades, os Reis Magos de Oriente, cunha gran festa dirixida á rapazada da vila. A festa celebrarase na Praza Nova entre as 16.00 e as 20.00.

A celebración inclúe unha festa con inchables e animación musical, co DJ David Expósito. Os Reis Magos de Oriente tamén acudirán á festa para saudar á rapazada de Antas de Ulla e recoller as cartas cos seus desexos.

“Este venres será unha tarde chea de maxia, antes da noite máis especial do ano para os máis pequenos da casa. Animamos a toda a veciñanza a achegarse á festa, desfrutar coas actividades e saudar aos Reis Magos durante a súa visita á vila”, sinala Pilar García Porto, alcaldesa de Antas de Ulla.

O Concello de Antas de Ulla aproba o último trámite imprescindible para impulsar o Parque Central de Galicia e axiliza a reforma da Casa da Cultura

O Concello de Antas de Ulla pechou o ano cun pleno extraordinario para impulsar dous proxectos fundamentais, o Parque Central de Galicia e a reforma da Casa da Cultura.

No primero dos casos, no pleno saiu adiante a aprobación definitiva do Plan Especial do Parque Central-Centro Xeográfico de Galicia, que promove a Deputación de Lugo.

Trátase do último trámite imprescindible para que a Deputación poida iniciar os traballos do proxecto que que dará como resultado o Parque Central de Galicia. “Será un elemento diferenciador a nivel turístico, un recurso único para promocionar o noso concello, xerando emprego e desenvolvemento económico”, asegura a alcaldesa, Pilar García Porto.

Por outra parte, o pleno procedeu á aprobación anticipada e urxente dos pliegos para a licitación das obras de reforma e mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura de Antas de Ulla.

“Grazas a isto, reducimos á metade os prazos da tramitación administrativa do proxecto”, engade García Porto, que sostén que “a obra pode estar adxudicada en dous meses e a actuación lista a finais do verán”.

Hai que lembrar que os fondos europeos que o anterior goberno local recibiu para as obras da Casa da Cultura hai exactamente un ano “destináronse ao pago de facturas atrasadas e outras partidas”.

“Ante esta situación, tiñamos dúas opcións: ou pedir un crédito para devolver os cartos ó ministerio ou pedir un crédito para executar a obra, que é o que fixemos”, remata Pilar García Porto.

“Rematamos o ano polo tanto acelerando as tramitacións de dous proxectos claves para o futuro do concello, todo elo grazas a que o martes, 1 de xaneiro, entran en vigor os orzamentos municipais do 2024”, remata a alcaldesa, Pilar García Porto.

O Partido Popular abstívose no punto do Parque Central e votou en contra no caso da Casa da Cultura.