Esta entidade foi beneficiaria da convocatoria de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2022 a 2024, cofinanciada pola Unión Europea.
O obxectivo principal destas axudas é promover a autonomía persoal de menores de 0 a 6 anos con trastornos no seu desenvolvemento.
O resultado que se pretende acadar é facilitar a inclusión social e a igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas.
O Concello de Antas de Ulla conmemorou o pasado 1 de outubro o Día Internacional da Persoa Maior.
Para celebrar esta xornada, dende o Servizo de Madrugadores do concello levouse a cabo unha actividade coa participación da residencia de persoas maiores de Antas de Ulla.
A actividade pretendía perseguir os obxectivos dunha actividade interxeracional, coas súas limitacións por non compartir o espazo-tempo na sua elaboración, “mais coa finalidade de concienciar aos mais cativos e cativas sobre o piar fundamental que son para nos as persoas maiores”, explica a alcaldesa, Pilar García Porto.
Nesta actividade reflexionouse sobre a felicidade, e pedíuse tamén ás persoas maiores que aconsellaran ás máis novas sobre a procura deste estado, ao que as nenos e nenas lles devolveron unha fermosa resposta.
O servizo de Madrugadores do Concello de Antas de Ulla organizou esta semana varias actividades de concienciación para os nenos e nenas con motivo da celebración da Semana Internacional das Persoas Xordas.
“O servizo de Madrugadores, ofertado polo Concello de Antas de Ulla, pretende ser un espazo de conciliación familiar e laboral, no que ademais de realizar un almorzo saudable tamén se levan a cabo actividades de concienciación, ocio e tempo libre”, asegura a alcaldesa, Pilar García Porto.
Con motivo da celebración da Semana Internacional das Persoas Xordas, no servizo de madrugadores realizáronse varias actividades para coñecer a linguaxe de signos, ademais de crear conciencia sobre cuestións ás que as persoas xordas se enfrontan na súa vida cotiá.
Explicándolles aos nenos e nenas a celebración desta semana, preténdese reivindicar e visibilizar a realidade das persoas xordas ante o mundo, onde teñan cabida as súas demandas en cuestións de dereitos e onde se pon en valor a riqueza da cultura xorda.
A Biblioteca de Antas Ulla convoca o CERTAME DE NARRACIÓN E DEBUXO INFANTIL LETRAS GALEGAS 2023 na súa fase local de acordo coas seguintes bases:
1.- Poden participar todas as nenas e nenos con:
A) Narracións, en galego, cunha extensión máxima de 1 folio por unha soa cara, sobre o tema proposto a continuación:
“Libros para xogar, libros para vivir”. Hai libros que invitan a xogar: libros pop-ups, libros con sons ou mesmo con olores, libros para buscar e atopar, libros con xogos de enxenio… Mais tamén usamos os libros cando xogamos a ser mestres, ou escritoras ou
mesmo cando xogamos a ter unha libraría ou a traballar nunha biblioteca.
XOGAR + LER = VIVIR
B) Debuxos, feitos sobre papel ou cartolina tamaño DIN A4, sobre o tema proposto a continuación:
“Libros para xogar, libros para vivir”. Hai libros que invitan a xogar: libros pop-ups, libros con sons ou mesmo con olores, libros para buscar e atopar, libros con xogos de enxenio… Mais tamén usamos os libros cando xogamos a ser mestres, ou escritoras ou
mesmo cando xogamos a ter unha libraría ou a traballar nunha biblioteca.
XOGAR + LER = VIVIR
2.- Cada autor pode presentar cantos traballos desexe, mecanografados, escritos a computador ou a man; neste último caso sempre a bolígrafo e nunca a lapis. Con cada traballo, acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor.
3.- Establécense tres categorías: A, ata 8 anos, B, de 9 a 11 anos, C, de 12 a 16 anos.
4.- O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro 12 de maio, debendo ser entregados polos seus autores na BIBLIOTECA MUNICIPAL.
5.- O xurado, formado por persoas entendidas na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de 3 traballos.
6.- Os traballos premiados nesta fase local participarán na fase provincial do Certame, convocada pola Biblioteca Pública de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.
7.- Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública que se reserva o dereito de publicación dos mesmos.
8.- Todas as incidencias non previstas nestas bases serán resoltas polo xurado.
9.- A presentación das obras a este Certame supón a aceptación das presentes bases.
A Axencia Galega de Infraestruturas asumirá a xestión das actuacións para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde en Antas de Ulla.
Enlace á publicación da resolución publicada no DOG deste xoves 16 de marzo de 2023: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230316/AnuncioC3K1-080323-0002_gl.html
A partir deste ano o concello de Antas de Ulla sumarase aos concellos galegos que teñen implantado nas súas rúas o contedor de fracción orgánica.
Deste xeito, o concello avanza no cumprimento das obrigas legais recollidas na lei de residuos galega, onde se establece que os concellos deberán instaurar antes do 31 de decembro de 2023 a recollida separada dos residuos de tipo orgánico.
Este programa consiste na instalación do quinto contedor polo Concello, que terán unha capacidade de 240 litros e estarán dotados dun peche con chave, co fin evitar o depósito neles de residuos de tipo non orgánico. A participación na nova recollida e a solicitude da correspondente chave é totalmente de balde e pode facerse no teléfono do Concello, 982 37 92 51 ou escribindo a concello.antasdeulla@eidolocal.es. No momento da inscrición deberá indicarse un nome e teléfono de contacto así como o enderezo do establecemento.
A este respecto, o tipo de residuos admitidos indicarase no propio contedor. De xeito xeral, admitiranse: restos de alimentos, tanto cociñados como crús, papel de cociña usado, pousos de café e pequenos restos de plantas, entre outros. En todo caso, debe terse presente que o depósito de residuos no contedor deberá facerse en bolsa compostable xa que o residuo recollido será tratado na planta de compostaxe da Sociedade Galega de Medio Ambiente.
Coa fin de dar a coñecer o funcionamento do novo contedor, o Concello de Antas de Ulla desenvolverá durante estes primeiros meses de arranque do proxecto unha campaña de comunicación que incluirá a preparación de material divulgativo para a cidadanía e a realización de chamadas e visitas individuais aos grandes xeradores de fracción orgánica.
A Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla convoca o certame de poesía infantil ‘Nadal 2022’ cuxas bases vén de facer públicas a través da páxina web do Concello de Antas de Ulla e das redes sociais oficias.
BASES:
1.- Poden participar todos os nenos e nenas, con poemas cuxa temática sexa ‘O NADAL’.
2.- Establécense tres categorías : A: ata 8 anos; B: de 9 a 11 anos; e C; de 12 a 16 anos.
3.- Cada autor/a poderá presentar cantos traballos desexe. Os poemas estarán redactados en galego cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, e poderán presentarse mecanografados, escritos a computadora ou a man; neste último caso sempre a bolígrafo e nunca a lapis. Con cada traballo, acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor/a.
4.- O prazo de presentación dos poemas rematará o 30 de decembro de 2022, debendo ser entregados polos seus autores/as na Biblioteca Pública Municipal.
5.- Un xurado, formado por entendidos na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos. Os autores/as seleccionados recibirán cadanseu diploma e libros.
6. -Os traballos premiados nesta fase local, participarán na fase provincial do Certame, convocado pola Biblioteca Pública de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade da Xunta de Galicia.
7.- O fallo do xurado local farase público na primeira quincena de xaneiro do 2023.
8.- Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública de Lugo que
se reserva o dereito de publicación dos mesmos.
9.- Todas as incidencias non previstas nestas bases serán resoltas polo xurado.
10.- A presentación das obras a este certame supoñen a aceptación das presentes bases.