Comenzando polo topónimo “Antas” que significa dolmen ou monumento do megalítico, facémonos unha idea da antigüidade dos asentamentos de poboación no que hoxe é o municipio de Antas de Ulla.
A grande cantidade de restos arqueolóxicos que se poden achar nesta zona, dende petroglifos a dólmens, ademais das mámoas, así como en épocas posteriores os castros, son testemuñas pétreas do que se cré debeu ser un importante poboamento megalítico.
Aínda que apenas existe unha historia coñecida do municipio, coñécense certos feitos históricos que dan unha idea do devir destas terras co paso dos anos. Por exemplo, sábese que aqueles asentamentos do megalítico serían ocupados posteriormente polos romanos, dado que pola Comarca da Ulloa, formada polos municipios lucenses de Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei, pasaba na Idade Antiga a vía que unía Lucus Augusti e Iria Flavia.
Tamén se teñen noticias, a través do Códice Calixtino, do feito de que no século VI constituíuse o Condado de Ulliensis, tomando como nome o do río Ulla, que nace neste municipio. Este mesmo documento fai referencia a un próspero burgo medieval que viviu na Idade Media un periodo de esplendor, materializado no amplo patrimonio de arquitectura civil e relixiosa que aínda hoxe alberga toda a Comarca da Ulloa.
Figuran tamén referencias ó municipio en escritos de Ptolomeo, que cita como cidade da rexión galaica o lugar de Turuptia, que historiadores máis recentes sitúan na parroquia de San Xurxo de Terrachá.
Outra referencia histórica atopámola no ano 747, cando Odoario facía referencia no seu testamento á parroquia de Alvidrón.
Pero se por algo se caracteriza a historia de Antas de Ulla, é polas súas lendas, que forman parte da tradición popular e falan sobre tesouros agochados baixo os castros, de rituais dun culto druídico no Monte Farelo e na Ponte Pedriña, de manantiais ós que se atribúen virtudes curativas, como o do Campo das Antas, no que antano existiu unha capela (polo que pasou a chamarse Campo das Santas), ou multitude de lendas de mouros e encantos, relacionadas sen dúbida coa historia medieval da zona.
E se “Antas” provén de dólmen, o resto do topónimo, de “Ulla”, como non, do río Ulla, punto de referencia básico na realidade municipal. Serve de fronteira natural cos concellos limítrofes de Monterroso e Palas de Rei. Segundo estiman os xeógrafos a súa conca fluvial é a máis extensa de Galicia, despois do Miño, pois acada os 2.700 km².
O río nace no municipio, nuns predios pertencentes á parroquia de Olveda, e da nome o Concello de Antas de Ulla e a Comarca da Ulloa.
As súas augas regan ó seu paso estas fértiles terras, pero ademais proporciona outra grande riqueza: as súas esquisitas troitas, recoñecidas xa no século pasado por Mardoz, e tan apreciadas polos pescadores da provincia.
Da relevancia e significación históricas de Antas de Ulla quedan variadas testemuñas, como a Torre de Amarante, o Pazo de Santa Mariña; así como as múltiples presencias de blasóns que, de xeito somero, se recollen en diferentes seccións gráficas desta web.
Da historia máis recente, cabe facer mención ó feito de que o nome da capital do Concello , ata ben entrada a segunda metade do século XX, foi o de Seoane (foneticamente como [Soane]); reservándose o nome de Antas de Ulla para a totalidade do Municipio. Hoxendía a rúa de Seoane rememora o berce da localidade.