PAN DE ANTAS
O Pan noso de…toda a vida!
A trascendencia que ten o Pan de Antas radica nun segredo: o coidado artesán que, dende antigo, veñen mantendo os actuais panadeiros de Antas de Ulla. Transmitido dende xeneracións, o arte de amasar á man (hoxendía con algunha axuda da técnica), a leña empregada para quenta-lo forno, a utilización de fariña do país, os fornos de pedra e… o esmero e cariño (que non se reñen co espíritu empresarial) son, sin dúbida, o formento co que se coce a mellor masa.
Gran de trigo colleitado nas leiras da bisbarra, moido en muiños de auga do Castro de Amarante, da Graña, do Rial…leveda lentamente, sin precisar practicamente da levadura, xa que a masa nai (a da anterior fornada) desenrola o mesmo proceso químico; mentras a leña de bidueiro ou abeneiro quenta as pedras que lle darán o punto de cocción preciso. A calma da fermentación, a lentitude da leña ardendo, o preciso tempo de cocción dan como resultado unha excelente calidade que o padal mais esixente percibirá na sua mesa.
E con esta materia prima tan excepcional, non podían esquecer os artesáns panadeiros de Antas en aplicala para fabricar o producto galego de panadería por excelencia: a empanada. De bacallau, de carne, de liscos, de bonito, de…non percibides xa o sabor?
DENOMINACIÓN DE ORIXE QUEIXO ARZÚA-ULLOA
Antas de Ulla comparte co resto de municipios da comarca a Festa do Queixo de Arzúa-Ulloa.
A festa celebrase o último domingo de febreiro, rotativamente, cada ano nunha localidade. Os festexos, ademais de enxalzar este típico produto van acompañados de diversos actos culturais. Este queixo ten a denominación de orixe desde o ano 1995, e comprende as comarcas de Arzúa, Ulloa, ademáis doutros concellos próximos. A denominación de orixe Arzúa-Ulloa reflicte unha garantía para o consumidor de que o queixo foi sometido a rigurosos controles de calidade, e por outra banda, garante que foi elaborado con leite propia da zona. A zona de produción e elaboración do Queixo de Arzúa-Ulloa comprende 15 concellos da Coruña( Arzúa, Boimorto, Boqueixón, Curtis, Frades, Melide, Mesía, Ordes, Oroso, O Pino, Santiso, Sobrado, Toques, Touro e Vilasantar) e 9 de Lugo (Antas de Ulla, Carballedo, Chantada, Friol, Guntín, Monterroso, Palas de Rei, Portomarín e Taboada). Dende o ano 1989 este produto recibe a denominación de Producto Galego de Calidade.
Trátase dun queixo elaborado con leite cru , enteiro e pasteurizado, procedente do gando das razas rubia galega, pardo alpina e frisona.De forma discoidal e pequeno tamaño. A codia é lisa e cerosa, de cor amarelo. Os queixos invernais son máis cremosos, namentres os estivais son secos e lixeiramente curados de sabor máis acedo. Este tipo de queixo é moi apreciado para a cociña pola suavidade, o que fai que acompañe os sabores sen chegar a ocultalos. Funde con facilidade, grazas á súa manteigosidade, debida o alto contido de graxa no leite das vacas galegas.
Tipos de queixo:
Queixo Arzúa-Ulloa e Queixo Arzúa-Ulloa de Granxa : Caracterízase pola súa forma lenticular ou cilíndrica. A súa codia, fina e elástica, de cor amarela, brillante, limpa e lisa. Elaborado con leite pasteurizado, o periodo de maduración mínimo é de seis días. O seu diámetro está comprendido entre 100 e 250 mm, e o peso das pezas oscila entre 0,5 e 3,5 Kg. O seu aroma lácteo, lembra o da manteiga, e do yogur, con matices de vainilla, nata e noz. O sabor é lixeiramente salgado e de acidez media ou baixa.
Queixo Arzúa-Ulloa Curado: Elaborado con leite de vaca cru ou pasteurizado, o periodo de maduración mínimo é de catro meses. De forma lenticular ou cilíndrica, o seu diámetro está comprendido entre 120 e 200 mm, e o peso das pezas oscila entre 0,5 e2,5 kg. Teñen coida de cor armarela moi intensa , brilante e de aspecto graxo. O seu aroma é moi intenso, cun forte ollor a manteiga lixeramente rancia. Sabor salgado, de baixa acidez e amargor medio.
Sede do Consello Regulador da D.O. Arzúa-Ulloa:
Ronda de Pontevedra, 30-1E
15800- Melide- A Coruña-
Tfno: 981 507 653
Fax: 981 507 653