Actuación: Mantemento e mellora do camiño dende Cibreiro a Peibás, cun orzamento total de 90.462,41 € (IVE incluído)

Con esta actuación búscase a mellora do firme na rede viaria municipal no Concello de Antas de Ulla, en concreto do camiño que vai dende o núcleo de Cibreiro a Peibás, coa finalidade de aumentar a seguridade viaria dos usuarios e a vida útil do camiño en termos xerais.

Así mesmo, no ámbito do viario do municipio, tamén se está realizar un estudo integral da rede viaria municipal.

Financiamento: Ambas as actuacións están cofinanciadas pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural AGADER, cunha subvención total de 84.764,00 €, ao abeiro de Resolución de 19 de decembro de 2023, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, pola que se aproba o Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural (PDR) 2014-2020, mediante tramitación anticipada de gasto, de acordo co seguinte cadro de financiamento:

ANUALIDADE 2024 (48,718%)

Xunta de Galicia (AGADER): 41.295,33 €

ANULIDADE 2025 (51,282%)

Xunta de Galicia (AGADER): 43.468,67 €

DISTRIBUCIÓN POR FONDOS:

FEADER (75%): 63.573,00 €

MAPA (7,5%): 6.357,30 €

XUNTA (17,5%): 14.833,70 €

ANTAS DE ULLA REDUCIRÁ O CONSUMO E A FACTURA ENERXÉTICA, Á VEZ QUE FAI FRONTE Á DEBEDA HERDADA DO GOBERNO ANTERIOR

O Concello de Antas de Ulla celebrou onte un pleno extraordinario para aprobar o pliego coas características técnicas para a contratación do novo subministro eléctrico municipal.

Este paso forma parte da sinatura dun convenio interadministrativo de colaboración cos concellos de Monterroso, Guntín, Palas de Rei, Portomarín e Taboada para impulsar a reducción do consumo e a factura enerxética.

O convenio inclúe un estudo estratéxico individualizado para o aforro enerxético no Concello de Antas de Ulla e, por outra parte, os seis concellos prevén contratar de forma centralizada e conxunta a subministración de enerxía eléctrica para as dependencias, instalacións e iluminación pública mediante procedemento aberto.

“O obxectivo é optimizar os recursos enerxéticos, buscando o aforro e a reducción de costes do subministro eléctrico”, explica Pilar García Porto, que lembra que é “un paso máis, xa que tamén cambiamos no concello a compañía comercializadora”.

Ademais, o concello debe facer fronte aos 319.000 euros de débeda por impagos herdada do anterior goberno local.

Por un lado, 84.378,24 euros que o concello debe pagar, por sentenza xudicial do 30 de decembro de 2020, por non cumprir os pagos pactados por Naturgy polos impagos do subministro entre os anos 2015 e 2017.

Os outros 234.622,57 euros derivan de impagos entre os anos 2017 e 2023. “Agora, todos os veciños e veciñas debemos pagar esa débeda mentres abonamos todos os meses a actual factura”, remata García Porto.

O Concello de Antas de Ulla abre unha convocatoria para a selección dunha praza de operario

O Concello de Antas de Ulla abre unha convocatoria para a selección dunha praza de operario de servizos múltiples.

O prazo de presentación de solicitudes é de cinco días hábiles contados a partir do seguinte á publicación da convocatoria na páxina web do Concello de Antas de Ulla. É dicir, desde hoxe, xa que se publicou onte.

Bases completas: https://concellodeantas.sedelectronica.gal/board

 

Proxecto de mellora do firme en Quintela e Cervela cun orzamento de 89.579,81 euros

Con esta actuación buscábase a mellora do firme na rede viaria municipal no Concello de Antas de Ulla, en concreto o acceso aos núcleos de poboación de Quintela e de Cervela (Pq. San Miguel de Cervela) por estradas de titularidade municipal que conectan directamente coa estrada provincial LU-P-4002 de Palas de Rei a Antas de Ulla, e a intercomunicación cos núcleos de poboación cercanos, e entre eles.

Financiamento: Esta actuación está cofinanciada pola Xunta de Galicia (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural AGADER), ao abeiro de Resolución do 28 de febreiro de 2023 para a concesión das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva, publicada no DOG nº 44 do 3 de marzo de 2023, de acordo co seguinte cadro de financiamento:

ANUALIDADE 2023 (34,71%)

Xunta de Galicia (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural AGADER): 25.977,57 €
ANULIDADE 2024 (65,29%)

Xunta de Galicia (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural AGADER): 48.8164,18 €

 

Máis de 200 persoas demandan diante do centro de saúde de Antas de Ulla “unha asistencia sanitaria digna e de calidade”

Máis de 200 persoas concentráronse hoxe diante do Centro de Saúde de Antas de Ulla para esixir “unha asistencia sanitaria digna e de calidade”.

Os veciños e veciñas acudiron á chamada do concello e da súa alcaldesa, Pilar García Porto, que o mes pasado demandoulle por carta ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, “que cubra a praza do médico xubilado no centro de saúde”, ademais de pedirlle información “sobre a construción do novo centro de saúde comprometido pola Xunta de Galicia en campaña electoral”.

A carta enviouse o pasado 21 de xuño e, ante a ausencia de resposta, a alcaldesa convocou a todos os veciños e veciñas do Concello de Antas de Ulla á concentración.

“Os concellos do rural temos os mesmos dereitos que os demais e necesitamos uns servizos públicos de calidade para frear a despoboación”, asegurou hoxe a alcaldesa. “Coa saúde non se pode xogar”, afirmou.

A alcaldesa pídelle ao conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, “a súa urxente intervención nun asunto de vital importancia, xa que esta ausencia dun profesional sanitario está a xerar serias dificultades para prestar a atención médica necesaria, especialmente aos nosos maiores, que requiren unha atención constante e especializada”.

“Actualmente a doutora que atende o centro de atención primaria traballa pola mañá e varios días á semana reforza con traballo tamén en xornada de tarde”, engade Pilar García Porto.

O feito de contar cunha única doutora “xa ocasionou que a nosa veciñanza quedara sen atención médica no seu centro, e esta situación verase agravada nos períodos de vacacións ou de ausencia por calquera outro motivo da doutora”.

Ampliación do prazo para o proceso selectivo de 2 socorristas (temporada verán 2024)

Ampliación do prazo para o proceso selectivo de 2 socorristas (temporada verán 2024)
 
O Concello de Antas de Ulla informa da ampliación do prazo ata o día 5 de xullo para o procedemento selectivo de 2 socorristas (temporada verán 2024) no expediente núm. 249/2024 relativo ao proceso de selección, polos seguintes motivos:
 
Dar maior publicidade ao proceso selectivo e facilitar que mais persoas se poidan presentar a dito procedemento selectivo co obxecto de cubrir as necesidades de socorristas para a temporada de verán 2024.
 
Contrato ata o 15 de setembro (inclúe vacacións) e salario de 2.000 euros brutos/mes.
 
Máis información no taboleiro de anuncios da web do concello:
https://concellodeantas.sedelectronica.gal/board

O Concello de Antas de Ulla publica as convocatorias de tres procesos de selección de persoal

O Concello de Antas de Ulla publicou hoxe na súa sede electrónica as convocatorias de tres procesos de selección de persoal.

As convocatorias son para catro prazas de operarios/as de servizos múltiples, un traballador/a social e un educador/a social.

Podedes consultar toda a información sobre a convocatoria en: https://concellodeantas.sedelectronica.gal/board

Grazas polo voso interese!