Máis de 200 persoas concentráronse hoxe diante do Centro de Saúde de Antas de Ulla para esixir “unha asistencia sanitaria digna e de calidade”.

Os veciños e veciñas acudiron á chamada do concello e da súa alcaldesa, Pilar García Porto, que o mes pasado demandoulle por carta ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, “que cubra a praza do médico xubilado no centro de saúde”, ademais de pedirlle información “sobre a construción do novo centro de saúde comprometido pola Xunta de Galicia en campaña electoral”.

A carta enviouse o pasado 21 de xuño e, ante a ausencia de resposta, a alcaldesa convocou a todos os veciños e veciñas do Concello de Antas de Ulla á concentración.

“Os concellos do rural temos os mesmos dereitos que os demais e necesitamos uns servizos públicos de calidade para frear a despoboación”, asegurou hoxe a alcaldesa. “Coa saúde non se pode xogar”, afirmou.

A alcaldesa pídelle ao conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, “a súa urxente intervención nun asunto de vital importancia, xa que esta ausencia dun profesional sanitario está a xerar serias dificultades para prestar a atención médica necesaria, especialmente aos nosos maiores, que requiren unha atención constante e especializada”.

“Actualmente a doutora que atende o centro de atención primaria traballa pola mañá e varios días á semana reforza con traballo tamén en xornada de tarde”, engade Pilar García Porto.

O feito de contar cunha única doutora “xa ocasionou que a nosa veciñanza quedara sen atención médica no seu centro, e esta situación verase agravada nos períodos de vacacións ou de ausencia por calquera outro motivo da doutora”.