O Concello de Antas de Ulla xa rematou a primeira fase da mellora da antiga Casa Cuartel da Garda Civil, tras pechar a súa compra co Ministerio do Interior.

O precio da adquisición foi de 78.000 euros, que o concello poderá pagar en dez anos. “Gañamos un novo inmoble para uso municipal e social e dámoslle vida a un edificio de referencia no concello”, sostén a alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto.

En concreto, a antiga casa cuartel terá locais para as asociacións culturais do concello e unha zona para servizos municipais, con espazos para a organización de actividades, cursos e charlas.

O concello xa acondicionou unha das alas do inmoble, onde está a día de hoxe a biblioteca, despois de levar a cabo as reformas eléctricas necesarias e a instalación de calefacción nas zonas de usos comúns.

O inmoble ten xa tamén Internet e as melloras continuarán nos próximos meses, incluíndo o acondicionamento do xardín e a parcela que rodea a edificación.

“Esta reforma coincide coa renovación integral da casa da cultura, dúas instalacións que revitalizarán a vida social, cultural e asociativa de Antas de Ulla nos próximos anos”, engade García Porto.