O Concello de Antas de Ulla inicia unha campaña de divulgación para incrementar a separación dos biorresiduos
O Concello aplicará unha bonificación do 30% na taxa de recollida de residuos
O Concello de Antas de Ulla inicia o ano 2024 coa aposta por seguir aumentando a reciclaxe dos bioresiduos, mediante o contedor marrón na rúa e a compostaxe doméstica nas casas. Ademais o Concello aplicará una bonificación do 30% na taxa de residuos para todas aquelas vivendas que participen do proxecto, que será de aplicación no exercicio 2025, coa entrada en vigor da nova Ordenanza.
Nas próximas semanas, o Concello iniciará unha extensa campaña de divulgación coa veciñanza das zonas onde se instalaron, en decembro de 2023, os contedores marróns nos que hai que depositar os restos orgánicos. Así, pasará por todas as vivendas do núcleo para facer chegar a mensaxe da importancia da separación de residuos en orixe e da introdución da fracción orgánica nos novos contedores.
Para todas aquelas vivendas que decidan sumarse ao proxecto e empezar a botar os restos da comida separadamente no contedor marrón, o Concello vailles entregar unha chave para poder abrir o contedor, un rolo de bolsas biodegradables (coas que hai que botar o lixo), e 2 guías sobre a correcta separación dos diferentes tipos de residuos e sobre consellos para evitar o malgasto alimentario e o consumo de proximidade. Ademais, estas vivendas poderán pedir a bonificación do 30% da taxa de residuos. A parte tamén se farán visitas as grandes xeradores de refugallo orgánico (bares, restaurantes, superficies de alimentación…), para que se unan ao proxecto e aos centros escolares.
Ademais, para as vivendas unifamiliares con parcela verde o Concello continúa apostando pola compostaxe doméstica como a forma mais eficiente de reciclaxe da materia orgánica. Neste ano vanse adquirir 80 novos composteiros que serán cedidos a cidadanía que así o desexe, sumándose aos case 200 que xa se instalaron en 2020.
Neste sentido o Concello de Antas de Ulla sigue avanzando no cumprimento da lei de residuos estatal e traballando para conseguir os obxectivos europeos a nivel de residuos. O Concello continúa os pasos cara unha transición ecolóxica para un municipio mais amable coas persoas e o medio ambiente e economicamente eficiente e sostible.