Antas de Ulla aproba bonificacións no imposto de Construcións para impulsar as novas obras e proxectos no concello

O Concello de Antas de Ulla aprobou no último pleno municipal a modificación da ordenanza do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), que xa está publicada no BOP e polo tanto a exposición pública para consultas e alegacións.

“Unha actualización ventaxosa, con bonificacións que benefician ao conxunto da veciñanza para a realización de novos proxectos e obras no noso concello”, explica a alcaldesa, Pilar García Porto.

O tipo de gravame será progresivo en función do orzamento de execución, polo tanto todos os proxectos de ata 300.000 euros pagarán menos que na actualidade e os de maior cuantía tamén se teñen un marcado carácter social, fomentan ou crean emprego, están vinculados coa agrogandeiría ou manteñen tecido empresarial.

En concreto, establécese unha bonificación do 50% para as construccións, instalacións e obras que afecten a vivendas e outras edificacións vinculadas a proxectos agrogandeiros e para as vivendas de protección oficial.

A bonificación chegará ata o 90% para as familias numerosas, naquelas actuacións que afecten a súa vivenda habitual familiar, así como para as melloras necesarias para favorecer o acceso e habitabilidade dos discapacitados e dependentes.

Por último, a bonificación pode ser do 95% para as actuacións declaradas de especial interese ou utilidade municipal, por concorrer circunstancias de fomento do emprego ou porque supoñan melloras nas instalacións existentes.

O Concello de Antas de Ulla informa da publicación de tres ofertas de emprego na web municipal

O Concello de Antas de Ulla informa da publicación de tres ofertas de emprego no taboleiro de anuncios da web municipal.
Bases para a selección e contratación laboral temporal, dun psicólogo/a, a xornada completa para o Servizo de Atención Temperá.
Bases do procedemento e convocatoria para a selección de dúas prazas de operarios/as de servizos múltiples do Concello de Antas de Ulla, por acumulación de tarefas, unha a media xornada e outra a xornada completa.

Subvencións para servizos de Atención Temperá en Antas de Ulla

Esta entidade foi beneficiaria da convocatoria de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2022 a 2024, cofinanciada pola Unión Europea.

O obxectivo principal destas axudas é promover a autonomía persoal de menores de 0 a 6 anos con trastornos no seu desenvolvemento.

O resultado que se pretende acadar é facilitar a inclusión social e a igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas.

 

Os nenos e nenas do servizo de Madrugadores do Concello de Antas de Ulla e os maiores da residencia participan nunha actividade polo Día da Persoa Maior

O Concello de Antas de Ulla conmemorou o pasado 1 de outubro o Día Internacional da Persoa Maior.

Para celebrar esta xornada, dende o Servizo de Madrugadores do concello levouse a cabo unha actividade coa participación da residencia de persoas maiores de Antas de Ulla.

A actividade pretendía perseguir os obxectivos dunha actividade interxeracional, coas súas limitacións por non compartir o espazo-tempo na sua elaboración, “mais coa finalidade de concienciar aos mais cativos e cativas sobre o piar fundamental que son para nos as persoas maiores”, explica a alcaldesa, Pilar García Porto.

Nesta actividade reflexionouse sobre a felicidade, e pedíuse tamén ás persoas maiores que aconsellaran ás máis novas sobre a procura deste estado, ao que as nenos e nenas lles devolveron unha fermosa resposta.