Un millar de veciños de Antas de Ulla benefíciase dun programa de compostaxe para a correcta xestión da fracción orgánica

O Concello de Antas de Ulla a través do programa ‘Sementa vida’ vén de poñer en marcha un proxecto de compostaxe doméstica e comunitaria enmarcado dentro das axudas concedidas polo PIMA na convocatoria do ano 2019 por un importe de 31.629,40 euros.

A través desta iniciativa o Concello repartiu 140 composteiros domésticos entre os veciños e veciñas interesados, co obxectivo de xestionar os restos de comida xerados nos fogares ao convertelos nun ben moi prezado denominado compost. Calcúlase que o proxecto beneficie a preto dun millar de veciños e veciñas.

O Goberno local recoméndalle aos veciños e veciñas de Antas de Ulla que depositen os restos orgánicos xerados no seu fogar nos composteiros domésticos e que só depositen no colector verde a fracción resto. Deste xeito axudarán a mellorar a xestión de residuos do Concello de Antas de Ulla no seu conxunto.

O Goberno local tamén estableceu dous puntos informativos, un na Casa do Concello e outro na Casa da Cultura, onde poderán atopar material informativo sobre a correcta separación de residuos en orixe, así como do proceso de compostaxe.

Bio-trituradora

Como complemento a estes dous sistemas de compostaxe instalados, o Concello tamén adquiriu unha bio-trituradora de restos vexetais que será posta a disposición dos veciños de Antas de Ulla cun dobre obxectivo, triturar restos vexetais xerados nas vivendas e obter estruturante para empregar no proceso da compostaxe.

ComposteiroPor que se debe compostar os restos orgánicos?

Cerca do 50% dos residuos que xeramos no fogar están compostos por restos de comida. Reciclar esta materia orgánica mediante compostaxe doméstica e comunitaria achega numerosos beneficios dende o punto de vista ambiental, social e económico.

Se o residuo non sae da casa xa non será necesario recollelo nin transportalo ata o punto de xestión, almacenalo e finalmente reciclalo. Aforramos deste xeito as emisións de CO2 do transporte e tratamento e o propio custo de xestionalo. Por outro lado, o produto final que obtemos é un fertilizante natural de excelente calidade con propiedades que melloran o solo e evitando a compra e uso doutros produtos químicos.

Os residuos orgánicos poden ser un grave problema medioambiental se non se xestionan correctamente. A súa descomposición sen control produce lixiviados que contaminan solos, ríos e acuíferos e emiten gases de efecto invernadoiro como metano e dióxido de carbono.

Que materiais podo compostar?

Pódense botar restos da cociña como froitas e verduras, carne e peixe, pan, legumes e cereais, ovos e cunchas de moluscos, froitos secos, pousos de café e infusións, panos e papel de cociña sen tinturas. Tamén se poden botar restos do xardín e horta como follas, flores, raíces e restos das colleitas, herba e palla, restos de poda triturados, cinza e serraduras de madeira sen aditivos, papel e cartón.

Débese evitar botar no composteiro materiais como plásticos, vidro, papel de aluminio e calquera outro material non orgánico, revistas ou papel impreso a cor, tecidos sintéticos, restos de madeiras tratadas con produtos químicos (vernices, pinturas, etc.).

Baixo o slogan ‘Faino por ti, por min, sementa vida’ preténdese concienciar á poboación da importancia de xestionar os restos orgánicos para valorizar e obter un fertilizante natural de calidade.

O Concello de Antas de Ulla instala 10 contedores de aceite de cociña usado

O programa “Sementa Vida” do Concello de Antas de Ulla vén de poñer en marcha un proxecto de recollida e xestión dos aceites de cociña usados enmarcado dentro das axudas concedidas polo PEMAR na convocatoria do ano 2019 e por un importe de 3.285,15 euros.

A través do mesmo, o Concello instalou 10 contedores de aceite doméstico usado en diferentes puntos do municipio para que os veciños e veciñas depositen alí o aceite ao final do seu ciclo de vida.

Ademais, o goberno local tamén estableceu dous puntos informativos, un na Casa do Concello e outro na Casa da Cultura, onde poderán atopar carteis coas localizacións dos contedores instalados, material informativo sobre a correcta xestión dos aceites de cociña que usen nas súas casas, así como embudes adaptados as boquillas de botellas de auga para que poidan depositar alí o aceite sen que se produzan verteduras.

Así, recoméndaselles aos veciños e veciñas que, para desfacerse do aceite, esperen a que estea frío e o depositen nun envase de plástico con tapa. Cando o envase estea cheo hai que pechalo ben para evitar verteduras e depositalos nos contedores instalados nos diferentes puntos habilitados polo Concello de Antas de Ulla.

O programa tamén se achegou ao colexio coa entrega de diverso material informativo e a entrega aos nenos e nenas dun xabón artesanal feito con aceite e un embude para concencialos sobre a importancia de reciclar.

Por que se debe xestionar de forma axeitada o aceite?

Desfacernos do aceite de cociña usado aínda que sexa en pequenas cantidades trae consigo un sobre custo, tanto a nivel domiciliario como na propia xestión do mesmo en estacións depuradoras.

O aceite que se verte polo vertedoiro ou inodoro obstrúe as sumidoiro e retén residuos e bacterias. Cando o aceite usado chega as estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) provoca un incremento do contido de materia orgánica e isto supón un incremento do custo de depuración.

O aceite usado da cociña ten un poder contaminante moi elevado e pode resultar moi perigoso para o medio ambiente. Cando o aceite chega a medio acuáticos, provoca a morte da fauna existente na mesma por problemas de intercambio de osíxeno. Do mesmo xeito, tamén impide o paso dos raios de sol ata o interior da auga e provoca a morte de plantas acuáticas por non realizar axeitadamente a fotosíntese. Se vertes o aceites de forma reiterada no xardín da túa casa, a terra deixará de ser fértil.

Que tipos de aceite podes reciclar?

Pódense reciclar todas as graxas e aceites de tipo vexetal xerados na preparación, cociñado e condimento de diferentes alimentos nos ámbitos domésticos, centros e institucións, hostalería, restauración ou análogos.

Baixo o slogan ‘Reduce en orixe. Reutiliza. Recicla’ preténdese concienciar á poboación da importancia de recoller de forma axeitada o aceite da cociña para valorizar e obter a partir del biocarburantes, xabóns, vernices ou ceras. Conséguese ademais xerar actividade económica e reducir a dependencia de combustibles fósiles.