O Concello de Antas de Ulla aprobou no último pleno ordinario da Corporación municipal, a proposta da Alcaldía, a modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do subministro do servizo de auga.
A modificación ten como obxectivo evitar problemas de abastecemento, especialmente en período estival, tendo en conta as características dos recursos hídricos municipais. Atendendo a certas prácticas que provocan danos e roturas nas tubaxes e que, polo tanto, supoñen un grave prexuízo á comunidade de usuarios do servizo a modificación afecta ao artigo 8º que regula, de forma xenérica, as infraccións e sancións.
A ordenanza establece, trala súa modificación, como infraccións moi graves:
O uso da auga sen a preceptiva licenza de enganche á rede.
Cometer calquera acto que provoque danos ou desperfectos nas tubaxes, instalacións ou equipos dos sistema de abastecemento de augas.
Introducir modificacións fraudulentas nas conexións á rede ou manipular os contadores de medición de consumo co obxecto de rexistrar menor consumo do real.
Realizar derivacións do caudal antes do equipo de medición.
Interconectar redes privadas co sistema público de abastecemento de auga.
Facer conexións directamente desde tubaxes de bombeo, liñas de condución ou liñas que interconecten unidades do sistema.
Conectar equipos de bombeo ou mecanismos que succionen a auga directamente das redes de subministro ou desde as conexións domiciliarias.
Os comportamentos neglixentes ou maliciosos que provoquen calquera tipo de contaminación á rede de distribución.
A reincidencia nas infraccións graves.
Así mesmo, serán infraccións graves:
Impedir o acceso ao inmoble do persoal do servizo municipal de auga para a lectura dos contadores, a inspección das instalacións ou o exercicio de calquera das funcións propias do cargo.
Non efectuar as reparacións ou modificacións indicadas polo servizo municipal de auga do Concello na rede interna do usuario que signifiquen derroche de auga.
Interferir na prestación dos servizos de auga potable, causando prexuízos a outros usuarios.
Cortar ou interromper o servizo de auga dun terceiro.
Non pagar a conexión de auga.
Serán infraccións leves aquelas que se puideran cometer en relación ao uso ou destino da auga e que non se tipifiquen como infracción grave ou moi grave.
Sancións
As infraccións poderán ser sancionadas con multas de 900,01 a 1.800 euros no caso das tipificadas como moi graves; de 300,01 a 900 euros as graves e con sancións de ata 300 euros as infraccións leves.
A estas sancións poderáselles acumular a suspensión da subministración.
A proposta foi aprobada cos votos a favor do equipo de Goberno (PP), a abstención de AVA e o voto en contra do PSOE.
Festivos locais para o ano 2022
A corporación municipal aprobou por unanimidade declarar festivos locais no Concello de Antas de Ulla os días: 1 de marzo, martes de Entroido, e o 8 de setembro, festividade da Virxe dos Remedios. O 24 de xuño, día de San Xoán, será festivo de carácter autonómico.