O Concello de Antas de Ulla modifica a ordenanza da auga para evitar problemas de abastecemento

O Concello de Antas de Ulla aprobou no último pleno ordinario da Corporación municipal, a proposta da Alcaldía, a modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do subministro do servizo de auga.

A modificación ten como obxectivo evitar problemas de abastecemento, especialmente en período estival, tendo en conta as características dos recursos hídricos municipais. Atendendo a certas prácticas que provocan danos e roturas nas tubaxes e que, polo tanto, supoñen un grave prexuízo á comunidade de usuarios do servizo a modificación afecta ao artigo 8º que regula, de forma xenérica, as infraccións e sancións.

A ordenanza establece, trala súa modificación, como infraccións moi graves:

O uso da auga sen a preceptiva licenza de enganche á rede.

Cometer calquera acto que provoque danos ou desperfectos nas tubaxes, instalacións ou equipos dos sistema de abastecemento de augas.

Introducir modificacións fraudulentas nas conexións á rede ou manipular os contadores de medición de consumo co obxecto de rexistrar menor consumo do real.

Realizar derivacións do caudal antes do equipo de medición.

Interconectar redes privadas co sistema público de abastecemento de auga.

Facer conexións directamente desde tubaxes de bombeo, liñas de condución ou liñas que interconecten unidades do sistema.

Conectar equipos de bombeo ou mecanismos que succionen a auga directamente das redes de subministro ou desde as conexións domiciliarias.

Os comportamentos neglixentes ou maliciosos que provoquen calquera tipo de contaminación á rede de distribución.

A reincidencia nas infraccións graves.

Así mesmo, serán infraccións graves:

Impedir o acceso ao inmoble do persoal do servizo municipal de auga para a lectura dos contadores, a inspección das instalacións ou o exercicio de calquera das funcións propias do cargo.

Non efectuar as reparacións ou modificacións indicadas polo servizo municipal de auga do Concello na rede interna do usuario que signifiquen derroche de auga.

Interferir na prestación dos servizos de auga potable, causando prexuízos a outros usuarios.

Cortar ou interromper o servizo de auga dun terceiro.

Non pagar a conexión de auga.

Serán infraccións leves aquelas que se puideran cometer en relación ao uso ou destino da auga e que non se tipifiquen como infracción grave ou moi grave.

Sancións

As infraccións poderán ser sancionadas con multas de 900,01 a 1.800 euros no caso das tipificadas como moi graves; de 300,01 a 900 euros as graves e con sancións de ata 300 euros as infraccións leves.

A estas sancións poderáselles acumular a suspensión da subministración.

A proposta foi aprobada cos votos a favor do equipo de Goberno (PP), a abstención de AVA e o voto en contra do PSOE.

Festivos locais para o ano 2022

A corporación municipal aprobou por unanimidade declarar festivos locais no Concello de Antas de Ulla os días: 1 de marzo, martes de Entroido, e o 8 de setembro, festividade da Virxe dos Remedios. O 24 de xuño, día de San Xoán, será festivo de carácter autonómico.

O Concello de Antas de Ulla aproba unha ordenanza municipal para a protección e conservación dos camiños e vías públicas municipais en relación coas operacións de saca de madeira

O Concello de Antas de Ulla aprobou no pleno ordinario de hoxe unha ordenanza a proposta da Alcaldía para velar pola debida conservación dos camiños e vías públicas municipais, en relación cos danos e desperfectos que poden sufrir como consecuencia das operacións de saca de madeira, comprendéndose dentro desta tanto as operacións preparatorias da corta da madeira como as posteriores.

Resulta tamén prioritario o interese en protexer ás persoas, vivendas e outras edificacións nos supostos de incendios forestais; e para isto é esencial que as vías de acceso ás zonas forestais se atopen sempre en perfecto estado.

Trátase, en definitiva, con esta ordenanza, de facer compatible a actividade de aproveitamento forestal coa preservación do medio natural, a protección paisaxística, a conservación dos camiños e a seguridade viaria.

Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta ordenanza: as talas puntuais de exemplares de árbores illadas, as podas e refaldes en plantacións forestais, o clareo de rebrotes de cepa de menos de tres anos, os traballos de desbroce e limpeza de predios e as talas que teñan por finalidade os aproveitamentos para uso doméstico, a eliminación dunha situación de perigo para persoas ou bens, ou as que se produzan como consecuencia da enfermidade da especie.

Como proceder

O madeireiro terá que presentar de xeito obrigatorio, con 10 días hábiles de antelación á data prevista para o inicio da súa execución, un escrito de comunicación previa, conforme a un modelo que facilita o Concello, e sen prexuízo da obtención dos permisos e/ou autorizacións sectoriais que, conforme á normativa vixente, sexan necesarios para cortar montes ou terreos forestais. Poderase facer unha comunicación previa para varios montes e/ou parcelas cando os traballos vaian a realizarse simultaneamente.

Obrigas dos madeireiros

Presentar nas oficinas municipais o escrito de comunicación previa.

Sinalizar os viais situados nas zonas de extracción e depósito da madeira, conforme ao establecido na normativa vixente en materia de tráfico, circulación e seguridade viaria.

Limpar, retirar ou eliminar os residuos procedentes da corta da madeira e das operacións de carga e almacenamento, de xeito que os espazos públicos municipais queden en todo momento no mesmo estado de limpeza e conservación que tiñan antes de levarse a cabo esas operacións. Esta obriga deberá cumprirse todos os días ao final da xornada de traballo.

Limpar as superficies de montes e terreos forestais de xeito que non queden restos ou materiais que poidan constituír risco de incendio.

Repoñer ao seu estado anterior as ramplas abertas para facilitar o acceso ás fincas ou montes.

Responder dos danos e desperfectos ocasionados nos lugares da tala, viais de acceso, instalacións e demais infraestruturas municipais, como consecuencia da realización das actividades de saca de madeira.

Constituír a garantía que corresponda a prol do Concello de Antas de Ulla. A garantía vai depender do número de toneladas recollidas, que irán dos 100 euros (20 toneladas) aos 2.500 euros (1.000 toneladas). O madeireiro deberá depositar a garantía na Tesourería Municipal con carácter previo á presentación da comunicación previa. O madeireiro poderá depositar tamén unha garantía anual nos primeiros 20 días hábiles do ano por importe de 3.000 euros que responderá das distintas cortas a realizar no termo municipal.

Incumprimentos e sancións

En caso de cumprimento, o Concello devolverá a garantía, previo informe favorable dos Servizos Técnicos Municipais. De incumprir, o Concello acordará a realización dos traballos que sexan necesarios, a costa do obrigado, sobre o importe da garantía depositada. Cando as cantidades depositadas en concepto de garantía resulten insuficientes para sufragar os traballos mencionados no parágrafo anterior, recadarase a diferenza en concepto de ingreso de dereito público.

As infraccións serán sancionadas con multas que van desde os 300 aos 3.000 euros.

A proposta foi aprobada cos votos a favor do equipo de Goberno (PP), a abstención de AVA e o voto en contra do PSOE.

Plans de mellora de camiños de titularidade municipal

O Concello de Antas de Ulla executou as obras incluídas no “Proxecto de Mellora do Firme na Rede Viaria Municipal no Concello de Antas de Ulla. (Vilapoupre e Montecelos. San Fiz e Vilasión)”, subvencionadas ao abeiro de Resolución do 19 de decembro de 2019 pola que se aproba o Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2021, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Estas axudas, concedidas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), están destinadas a ampliar, acondicionar e conservar a rede de camiños de titularidade municipal de tódolos concellos de Galicia, co obxecto de mellorar a calidade de vida da poboación rural.

 

 

Campamentos de verán e campos de voluntariado 2021

Aberto o prazo para anotarse nos Campamentos/Campos de Voluntariado ‘O verán que mereces’ dirixidos aos rapaces de 9 a 17 anos.

Tes ata día 28 de maio para inscribirte.

Podes obter máis información chamando ao teléfono 982 37 92 51 ou nas oficinas municipais.

O servizo de atención temperá dos Concellos de Antas de Ulla, Portomarín e Monterroso percibe 106.637,85 euros de subvención para o seu funcionamento

A Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade publica hoxe no DOG a concesión de subvencións destinadas a entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá para o ano 2021, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo, no marco operativo FSE Galicia 2014-2020.

Á Agrupación dos Concellos de Antas de Ulla, Portomarín e Monterroso concédenlle 1.720 horas para cubrir o traballo de tres profesionais (1.720 horas por cada profesional): unha logopeda, unha pedagoga e unha psicopedagoga ata o 31 de outubro de 2021. Para o desempeño da actividade reciben unha subvención de 106.637,85 euros.

O servizo

O Servizo de Atención Temperá Antas de Ulla, Portomarín e Monterroso ten a súa sede en Antas de Ulla, na Casa da Cultura, e atende de xeito gratuíto aos nenos e nenas residentes nos tres Concellos de entre 0 e 6 anos, ás súas familias e ao seu contorno co obxectivo apoiar o desenvolvemento infantil.

O equipo de atención temperá valora e diagnostica os trastornos do desenvolvemento dos nenos e nenas, proporciona apoio en todas as áreas do desenvolvemento: psicomotor, cognitivo, linguaxe e comunicación, autonomía, socialización e afectividade e ademais ofrece información, apoio e formación ás familias.

É un servizo que se coordina cos recursos sanitarios, educativos e sociais da contorna do neno e a nena e da súa familia.

Para asistir ao centro é necesario solicitar cita previa. O servizo funciona de luns a venres e o horario adáptase ás necesidades das familias.

O Concello de Antas de Ulla acollerá no mes de maio o programa formativo ‘Camiños de Coñecemento e Experiencia’ dirixido ás persoas de máis de 50 anos

O Concello de Antas de Ulla acollerá os días 19, 21, 26, 27, 28 e 31 de maio o Programa Universitario de Maiores da Universidade de Santiago de Compostela que leva por título ‘Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento’.

No programa inclúense seminarios sobre diversas temáticas e sesións prácticas impartidas por docentes da USC. A actividade está dirixida á poboación de Antas de Ulla de máis de 50 anos.

Para participar é preciso inscribirse no Concello de Antas de Ulla, onde os interesados e interesadas tamén poden obter máis información da iniciativa. O prazo para anotarse estará aberto ata dous días antes do comezo das actividades.

O lugar de celebración será na Casa da Cultura.

Contido

Os seminarios realizaranse todos en horario de tarde, de 16:30 a 18 horas. O primeiro deles será o 19 de maio e versará sobre ‘Cambio climático: ou o que podemos perder’. O día 21 farase unha visita á planta de tratamento de augas. O 26 de maio será quenda do seminario ‘Simboloxía das cores’, o 27 farase unha saída polos arredores para o estudo da simboloxía das cores. O 28 haberá un novo seminario: ‘Contribucións do ocio ao envellecemento activo’. A última xornada será o día 31 cun obradoiro práctico de análise do envellecemento activo a través do ocio.

Metodoloxía

A metodoloxía é de corte participativa e aberta, onde os docentes universitarios desenvolven dúas sesións de docencia, unha teórica (onde se pretende favorecer o dialogo e participación dos asistentes) e unha práctica cunha actividade de visita guiada, obradoiro…; sendo unhas sesións de corte humanístico e outras de carácter científico.

Obxectivo

O programa pretende favorecer a democratización do coñecemento, potenciando e difundindo o coñecemento científico e artístico a toda a poboación maior de 50 anos das comarcas colaboradoras no proxecto.

A Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla convoca o certame de narración e debuxo infantil ‘Letras Galegas 2021’

A Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla vén de facer públicas as bases que rexerán o certame de narración e debuxo infantil ‘Letras Galegas 2021’ na súa fase local.

Poderán participar todas as nenas e nenos con:

a) Narracións en galego cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara sobre o tema ‘O dereito dos nenos e as nenas a participar na vida cultural. (Artigo 13, Convención sobre os dereitos do neno).

b) Debuxos feitos sobre cartolina de tamaño aproximado DIN A4 sobre o tema ‘O dereito dos nenos e as nenas a participar na vida cultural. (Artigo 13, Convención sobre os dereitos do neno).

Cada autor pode presentar cantos traballos desexe, mecanografados, escritos a computadora ou a man. Neste último caso, sempre a bolígrafo e nunca a lapis. Con cada traballo acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor.

Categorías

Establécense tres categorías: A) ata oito anos. B) de 9 a 11 anos. C) de 12 a 16 anos.

Prazo de presentación

O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro día 7 de maio, debendo ser entregados polos seus autores na Biblioteca Pública Municipal.

O xurado, formado por persoas entendidas na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de 3 traballos. O fallo do xurado farase público antes do Día das Letras Galegas, o 17 de maio.

Os traballos premiados na fase local participarán na fase provincial do certame, convocado pola Biblioteca Pública de Lugo co patrocinio da Consellería de Cultura Educación e Universidade da Xunta.

Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública Municipal, que se reserva o dereito de publicación dos mesmos. A presentación dos orixinais supón a total aceptación destas bases.

O Concello de Antas de Ulla dótase dun Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais

O Concello de Antas de Ulla dótase dun Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais, cuxa aprobación inicial foi publicada no BOP o 11 de febreiro. O seu obxectivo principal é a definición da rede de faixas secundarias de xestión da biomasa, formadas por un conxunto de parcelas lineais do territorio estratexicamente localizadas, e garantir o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal, mediante técnicas silvícolas axeitadas, coa fin principal de reducir o risco de incendio e protexer a seguranza das persoas.

O documento foi redactado por SEAGA en colaboración co Concello de Antas de Ulla, en virtude da adhesión do Goberno local ao Convenio de Colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e SEAGA en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Neste Plan defínese a rede de faixas secundarias de acordo co establecido na Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, no cal se inclúe a rede secundaria de faixas de xestión da biomasa perimetral ao solo urbano, núcleos rurais e urbanizables, ao redor das edificacións destinadas ás persoas, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras, parques e instalacións.

Franxas secundarias.

IRP Moderado

A análise estatística dos incendios forestais acontecidos no Concello foi elaborada a partir dos datos proporcionados pola Consellería do Medio Rural para o período 2008-2017. Segundo o PEIFOGA, o Índice de Risco Potencial (IRP) para o Concello de Antas de Ulla é Moderado e NON está declarado como Zona de Alto Risco (ZAR).

Para o período considerado o Concello de Antas de Ulla presenta unha media de 8,40 incendios/ano e 18,11 hectáreas/ano queimadas. O número de incendios forestais ocorridos foi de 84 lumes, queimando un total de 181,05 hectáreas, 39,78 arboradas e 141,27 rasas.

No concello de Antas de Ulla non hai declarada ningunha parroquia de alta actividade incendiaria segundo o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA 2020).

Amósanse a continuación os datos desagregados por parroquias. Tal e como se pode apreciar, o maior número de incendios ocorre nas parroquias de A Cervela (San Miguel) e Árbol (Santalla), sendo a de San Fiz de Amarante (San Fiz) a que presenta maior superficie queimada.

Lumes por parroquia.

Análise do estado forestal do Concello

O importante valor que o monte cumpre para a cidadanía no seu conxunto, está ameazado pola propagación de incendios forestais, afectando a súa riqueza ambiental e paisaxística e ás actividades agroforestais que se desenvolven no monte. Así mesmo, os incendios forestais, chegan a ameazar incluso á seguridade das persoas e dos bens.

Neste contexto, cabe destacar a importancia da análise do estado forestal do Concello, así coma as zonas prioritarias de actuación e as faixas de prevención contra os incendios forestais, o que facilitará a toma de decisións para determinar as medidas necesarias en cada caso.

O Plan, a disposición na sede electrónica

O Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais está a disposición de quen o queira consultar na sede electrónica do Concello de Antas de Ulla https://concellodeantas.sedelectronica.gal/ e nel pódese acceder tamén á cartografía completa das faixas secundarias de xestión de biomasa.

O Concello de Antas de Ulla aproba o Proxecto de Orzamento Xeral para 2021 no que prima o gasto social e os investimentos

O equipo de Goberno do Concello de Antas de Ulla someteu hoxe a aprobación inicial o Proxecto do Orzamento Xeral para o exercicio económico 2021, que ascende a 2.541.271,25 euros.

As contas para 2021 presentan unha serie de liñas básicas, entre as que se atopan os servizos sociais, cuxo gasto en persoal suporá 550.000 euros. As axudas de emerxencia social reciben 12.000 euros; as axudas á hostalería e comercio, 15.000 euros; 2.500 euros irán destinados a axudas para estudantes, mentres que o persoal de atención temperá recibe 90.000 euros.

O gasto corrente derivado da situación sanitaria suporá 100.000 euros, aos que se suman 90.000 para persoal covid-19, o persoal específico para a realización de tarefas relacionadas coa necesidade de previr e conter o avance da COVID-19, tales como limpeza e desinfección.

A estas partidas engádense 57.000 euros para APROL RURAL, 28.000 euros para o programa Depuemprego e 50.000 euros para as brigadas de loita contra incendios.

Cultura e deporte

O Goberno local destina 100.000 euros para Cultura e 157.000 euros para Deporte, unha partida na que se inclúen obras de mellora no polideportivo por importe de 122.921 euros.

No exercicio do ano 2021 prevese unha amortización de débeda de 85.000 euros.

Casa do Concello de Antas de Ulla

Investimentos

En canto aos investimentos, destínanse 60.233 euros á mellora do firme na estrada de Vilapoupre, Montecelos, San Fiz e Vilasión (2020-2021, incluída a anualidade 2021). Tamén se fará a mellora do firme na estrada de Alvidrón a San Martiño (2021-2022) por importe de 74.866,78 euros.

A maiores, a pavimentación en Frádegas, Santa María, Casadenaia e Aboi recibe 29.847,06 euros; as melloras no firme de estradas en Castro de Amarante, San Martiño de Vilapoupre e Arcos supoñen 25.699,76 euros; a mellora do firme no Rial, 21.052,82 euros e a mellora do firme en Timós 12.899,06 euros.

As contas aprobadas hoxe recollen 48.300,49 euros para melloras en locais sociais, así como a mellora de instalacións deportivas, coa rehabilitación da cuberta e fachada do polideportivo por un importe de 122.921,94 euros.

Tamén se levará a cabo a humanización e substitución de servizos da Rúa General Portomeñe, actuación á que se destinan 87.267,79 euros. O abastecemento de augas en Caldeas suporá 22.988,22 euros.

Faranse melloras en vías públicas e abastecemento por un total de 40.000 euros e expropiacións por importe de 3.875,00 euros.

Do total do Orzamento resérvanse 27.000 euros para acometer diversas melloras no Centro de Saúde, no Colexio, na Casa da Cultura, na Casa do Concello, iluminación e monitorización de depósitos.

A proposta de Orzamentos saíu adiante cos votos a favor do equipo de Goberno e o voto en contra dos grupos da oposición.