Casa do Concello de Antas de Ulla

O Concello de Antas de Ulla fará entrega o mércores día 22 da Medalla de Ouro do Municipio ao Servizo de Axuda no Fogar polo traballo levado a cabo durante a pandemia. Trátase dun recoñecemento que foi proposto polo equipo de Goberno e aprobado pola unanimidade da Corporación no mes de setembro do 2020.

O Goberno local recoñece así a labor das traballadoras durante a pandemia, unha distinción que estende tamén a todas aquelas persoas que formaron parte do servizo municipal de Axuda no Fogar desde a súa entrada en funcionamento, hai máis de 25 anos.

Ademais de facer entrega da Medalla de Ouro do Municipio, as traballadoras recibirán un diploma e un obsequio institucional.

Proxecto documental

A gala servirá tamén para estrear o documental ‘Axuda no Fogar’ no que as traballadoras e os usuarios do Servizo de Axuda no Fogar de Antas de Ulla contan a súa experiencia durante a pandemia e o seu día a día. Un traballo audiovisual co que o Concello de Antas de Ulla pretende “que se coñeza un pouco máis o importantísimo labor que levan a cabo estas mulleres e o moito que se lles estima”, resume o rexedor, Javier Varela.

O acto será na Praza Nova ás 13:30 horas e está aberto a quen queira asistir.