O traballo documental sobre o Servizo de Axuda no Fogar de Antas de Ulla recibe un premio internacional

O traballo documental sobre o Servizo de Axuda no Fogar de Antas de Ulla estreado o pasado mes de decembro vén de recibir un premio internacional e de ser seleccionado noutro festival en Italia. En concreto, o proxecto foi galardoado como mellor curtametraxe documental no Festival de Milán (Milan Gold Awards) e participou na selección oficial do Festival de Florencia (Florence Film Awards), na categoría de mellor curtametraxe documental.

Este traballo documental, creado pola produtora lucense 60Ráfagas, foi realizado para o acto de entrega da Medalla de Ouro do Concello de Antas de Ulla ao Servizo de Axuda no Fogar, que se celebrou o 22 de decembro de 2021 e estivo presidido polo Xefe do Executivo Galego, Alberto Núñez Feijóo.

No traballo, cuxa rodaxe se prolongou varias semanas, pódese ver o día a día das persoas receptoras da axuda no fogar de Antas de Ulla e a atención que reciben por parte das súas coidadoras.

O Concello de Antas de Ulla pretendía que fora unha homenaxe a todas as mulleres que conforman o servizo e ao seu bo facer, nomeadamente pola súa enorme labor durante a pandemia.

Este recoñecemento, sinala o rexedor, Javier Varela, “serve para que o vídeo se volva ver e para seguir dándolles as grazas ás coidadoras polo seu traballo e pola súa entrega diaria”.

Aproveita tamén para agradecerlles ás familias que participaron no proxecto “a súa xenerosidade á hora de abrirnos as portas dos seus fogares”. Unha gratitude que estende tamén á produtora 60Ráfas “pola súa empatía e por ter captado tan ben o día a día dun servizo fundamental para o Concello de Antas de Ulla, que se vén prestando desde hai máis de 25 anos”.

O vídeo pódese ver no seguinte enlace:

https://www.youtube.com/watch?v=13rj6zPzaaU

O Concello de Antas de Ulla fai entrega da Medalla de Ouro do Municipio ao Servizo de Axuda no Fogar

O Concello de Antas de Ulla fixo entrega hoxe da Medalla de Ouro do Municipio ao Servizo de Axuda no Fogar polo traballo levado a cabo durante a pandemia. Trátase dun recoñecemento que foi proposto polo equipo de Goberno e aprobado pola unanimidade da Corporación no mes de setembro do 2020.

O acto contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, encargado de entregar a distinción, así como coa conselleira de Política Social, Fabiola García, entre outras autoridades.

O Goberno local recoñece así a labor das traballadoras durante a pandemia, unha distinción que estende tamén a todas aquelas persoas que formaron parte do servizo municipal de Axuda no Fogar desde a súa entrada en funcionamento, hai máis de 25 anos.

Ademais de facer entrega da Medalla de Ouro do Municipio, as traballadoras, un total de 48 mulleres que forman ou teñen formado parte do servizo, recibiron un diploma e un obsequio institucional.

Na súa intervención o alcalde, Javier Varela, asegurou que a entrega desta Medalla de Ouro “reivindica o valor do importante, do imprescindible, do día a día e de todos os días. De estar aí con temor, si, pero estar. Sen queixas usando incluso máscaras de sulfatar e outras que arrancaban as orellas”.

Nin un mal xesto, nin unha baixa e en comunicación permanente para calquera necesidade. Porque representan o espírito de todo un pobo, represéntannos a todos, incluso a quen vos fala e non podo estar máis orgulloso de que así sexa”, remarcou.

Proxecto documental

A gala serviu tamén para estrear o documental ‘Axuda no Fogar’ no que as traballadoras e os usuarios do Servizo de Axuda no Fogar de Antas de Ulla contan a súa experiencia durante a pandemia e o seu día a día. Un traballo audiovisual co que o Concello de Antas de Ulla pretende “que se coñeza un pouco máis o importantísimo labor que levan a cabo estas mulleres e o moito que se lles estima”, resume o rexedor, Javier Varela.

O Concello de Antas de Ulla fará entrega o mércores da Medalla de Ouro do Municipio ao Servizo de Axuda no Fogar

O Concello de Antas de Ulla fará entrega o mércores día 22 da Medalla de Ouro do Municipio ao Servizo de Axuda no Fogar polo traballo levado a cabo durante a pandemia. Trátase dun recoñecemento que foi proposto polo equipo de Goberno e aprobado pola unanimidade da Corporación no mes de setembro do 2020.

O Goberno local recoñece así a labor das traballadoras durante a pandemia, unha distinción que estende tamén a todas aquelas persoas que formaron parte do servizo municipal de Axuda no Fogar desde a súa entrada en funcionamento, hai máis de 25 anos.

Ademais de facer entrega da Medalla de Ouro do Municipio, as traballadoras recibirán un diploma e un obsequio institucional.

Proxecto documental

A gala servirá tamén para estrear o documental ‘Axuda no Fogar’ no que as traballadoras e os usuarios do Servizo de Axuda no Fogar de Antas de Ulla contan a súa experiencia durante a pandemia e o seu día a día. Un traballo audiovisual co que o Concello de Antas de Ulla pretende “que se coñeza un pouco máis o importantísimo labor que levan a cabo estas mulleres e o moito que se lles estima”, resume o rexedor, Javier Varela.

O acto será na Praza Nova ás 13:30 horas e está aberto a quen queira asistir.