Ampliación da rede de abastecemento en carretera Verin – Lebesende

En cumprimento das condicións establecidas na Resolución do 12 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, financiada no marco do eixe REASCT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU300A), publícase información relativa a actuación subvencionada.

Datos xerais da obra:

AMPLIACIÓN DE REDE DE ABASTECEMENTO EN CARRETERA VERIN-LEBESENDE

  • Localización da obra: Estrada Verín – Lebesende (Antas de Ulla)
  • Importe de execución final: 47.756,49 euros (IVE incluído)
  • Importe de dirección de obra e redacción de proxecto: 2.865,40 euros (IVE incluído)
  • Subvención recibida: 40.497,51 euros, correspondentes a axuda recibida ao abeiro de devandita subvención, con apoio dos fondos Feder

Descrición dos traballos realizados e dos obxectivos e resultados:

O proxecto levouse a cabo por encargo do Concello de Antas de Ulla co obxectivo de unir as redes de abastecemento das poboacións de Verín e Lebesende, realizando un novo tramo entre dous xa existentes co obxectivo de mallar a rede e mellorar o subministro.

Os traballos que se realizaron foron as seguintes:

  •  Escavación de gabia para 1.537 m de condución e tres arquetas.
  • Colocación de tubaxe de PVC de 63 mm a unha profundidade de 70 cm da rasante do terreo e conexión a rede actual, colocando unha chave de paso en arqueta en cada extremo e un desaugue de fondo no punto máis baixo do tramo (cunha cota de 58 m sobre o nivel do mar).
  • Reposición de pavimento bituminoso en 400 m do tramo, dado que gran parte da rede discorre por zona de terra.

O Concello de Antas de Ulla fai entrega da Medalla de Ouro do Municipio ao Servizo de Axuda no Fogar

O Concello de Antas de Ulla fixo entrega hoxe da Medalla de Ouro do Municipio ao Servizo de Axuda no Fogar polo traballo levado a cabo durante a pandemia. Trátase dun recoñecemento que foi proposto polo equipo de Goberno e aprobado pola unanimidade da Corporación no mes de setembro do 2020.

O acto contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, encargado de entregar a distinción, así como coa conselleira de Política Social, Fabiola García, entre outras autoridades.

O Goberno local recoñece así a labor das traballadoras durante a pandemia, unha distinción que estende tamén a todas aquelas persoas que formaron parte do servizo municipal de Axuda no Fogar desde a súa entrada en funcionamento, hai máis de 25 anos.

Ademais de facer entrega da Medalla de Ouro do Municipio, as traballadoras, un total de 48 mulleres que forman ou teñen formado parte do servizo, recibiron un diploma e un obsequio institucional.

Na súa intervención o alcalde, Javier Varela, asegurou que a entrega desta Medalla de Ouro “reivindica o valor do importante, do imprescindible, do día a día e de todos os días. De estar aí con temor, si, pero estar. Sen queixas usando incluso máscaras de sulfatar e outras que arrancaban as orellas”.

Nin un mal xesto, nin unha baixa e en comunicación permanente para calquera necesidade. Porque representan o espírito de todo un pobo, represéntannos a todos, incluso a quen vos fala e non podo estar máis orgulloso de que así sexa”, remarcou.

Proxecto documental

A gala serviu tamén para estrear o documental ‘Axuda no Fogar’ no que as traballadoras e os usuarios do Servizo de Axuda no Fogar de Antas de Ulla contan a súa experiencia durante a pandemia e o seu día a día. Un traballo audiovisual co que o Concello de Antas de Ulla pretende “que se coñeza un pouco máis o importantísimo labor que levan a cabo estas mulleres e o moito que se lles estima”, resume o rexedor, Javier Varela.

O Concello de Antas de Ulla fará entrega o mércores da Medalla de Ouro do Municipio ao Servizo de Axuda no Fogar

O Concello de Antas de Ulla fará entrega o mércores día 22 da Medalla de Ouro do Municipio ao Servizo de Axuda no Fogar polo traballo levado a cabo durante a pandemia. Trátase dun recoñecemento que foi proposto polo equipo de Goberno e aprobado pola unanimidade da Corporación no mes de setembro do 2020.

O Goberno local recoñece así a labor das traballadoras durante a pandemia, unha distinción que estende tamén a todas aquelas persoas que formaron parte do servizo municipal de Axuda no Fogar desde a súa entrada en funcionamento, hai máis de 25 anos.

Ademais de facer entrega da Medalla de Ouro do Municipio, as traballadoras recibirán un diploma e un obsequio institucional.

Proxecto documental

A gala servirá tamén para estrear o documental ‘Axuda no Fogar’ no que as traballadoras e os usuarios do Servizo de Axuda no Fogar de Antas de Ulla contan a súa experiencia durante a pandemia e o seu día a día. Un traballo audiovisual co que o Concello de Antas de Ulla pretende “que se coñeza un pouco máis o importantísimo labor que levan a cabo estas mulleres e o moito que se lles estima”, resume o rexedor, Javier Varela.

O acto será na Praza Nova ás 13:30 horas e está aberto a quen queira asistir.

A Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla convoca o certame de poesía infantil ‘Nadal 2021’

A Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla convoca o certame de poesía infantil ‘Nadal 2021’ cuxas bases vén de facer públicas a través da páxina web do Concello de Antas de Ulla e das redes sociais oficiais.

BASES:

1.- Poden participar todos os nenos e nenas, con poemas cuxa temática sexa ‘O NADAL’.

2.- Establécense tres categorías : A: ata 8 anos; B: de 9 a 11 anos; e C; de 12 a 16 anos.

3.- Cada autor/a poderá presentar cantos traballos desexe. Os poemas estarán redactados en galego cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, e poderán presentarse mecanografados, escritos a computadora ou a man; neste último caso sempre a bolígrafo e nunca a lapis. Con cada traballo, acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor/a.

4.- O prazo de presentación dos poemas rematará o 30 de decembro de 2021, debendo ser entregados polos seus autores/as na Biblioteca Pública Municipal.

5.- Un xurado, formado por entendidos na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos. Os autores/as seleccionados recibirán cadanseu diploma e libros ou material escolar.

6. -Os traballos premiados nesta fase local, participarán na fase provincial do Certame, convocado pola Biblioteca Pública de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

7.- O fallo do xurado local farase público na primeira quincena de xaneiro do 2022.

8.- Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública de Lugo que

se reserva o dereito de publicación dos mesmos.

9.- Todas as incidencias non previstas nestas bases serán resoltas polo xurado.

10.- A presentación das obras a este certame supoñen a aceptación das presentes bases.

Campaña solidaria para axudar a María Fuertes, tras perder a súa casa nun incendio

O Concello de Antas de Ulla pon en marcha unha campaña solidaria coa fin de canalizar as axudas á muller que o pasado domingo perdeu a súa vivenda nun incendio. María Fuertes, propietaria do inmoble, facilita un número de conta no que as persoas que o desexen poden facer os seus donativos:
ES11 0238 8248 7607 0065 4679. Banco Santander.
A determinación de abrir unha campaña de solidariedade con esta veciña tomouse despois de comprobarse o alcance dos danos, que deixaron a vivenda totalmente arrasada polas lapas. A casa era de madeira e quedou inservible. María atópase aloxada nun establecemento da localidade, á espera de poder trasladarse a outra vivenda.
O Concello de Antas de Ulla agradece a colaboración dos veciños e veciñas ante unha situación de especial vulnerabilidade. Se alguén quere facer outro tipo de doazón, que non sexa monetaria, pode dirixirse aos servizos sociais do Concello de Antas de Ulla.

A Xunta acometerá obras de eficiencia enerxética no CEIP Plurilingüe de Antas de Ulla

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de comunicarlle ao Concello de Antas de Ulla o inicio dunha importante actuación no CEIP Plurilingüe de Antas de Ulla. As obras consistirán na mellora básica de eficiencia enerxética do centro e darán comezo a segunda quincena do mes de novembro.

En concreto, a actuación suporá un investimento total de 254.957,02 euros, que se vai destinar a actuacións previas, albanelería, fachadas e illamentos, carpintería exterior e interior, revestimentos e falsos teitos, instalación de iluminación, pintura e decoración, cuberta e pluviais, seguridade e saúde e xestión de residuos.

O Goberno local valora estas obras que suporán un importante avance en aforro e eficiencia enerxética para o CEIP Plurilingüe de Antas de Ulla.

O Concello de Antas de Ulla modifica a ordenanza da auga para evitar problemas de abastecemento

O Concello de Antas de Ulla aprobou no último pleno ordinario da Corporación municipal, a proposta da Alcaldía, a modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do subministro do servizo de auga.

A modificación ten como obxectivo evitar problemas de abastecemento, especialmente en período estival, tendo en conta as características dos recursos hídricos municipais. Atendendo a certas prácticas que provocan danos e roturas nas tubaxes e que, polo tanto, supoñen un grave prexuízo á comunidade de usuarios do servizo a modificación afecta ao artigo 8º que regula, de forma xenérica, as infraccións e sancións.

A ordenanza establece, trala súa modificación, como infraccións moi graves:

O uso da auga sen a preceptiva licenza de enganche á rede.

Cometer calquera acto que provoque danos ou desperfectos nas tubaxes, instalacións ou equipos dos sistema de abastecemento de augas.

Introducir modificacións fraudulentas nas conexións á rede ou manipular os contadores de medición de consumo co obxecto de rexistrar menor consumo do real.

Realizar derivacións do caudal antes do equipo de medición.

Interconectar redes privadas co sistema público de abastecemento de auga.

Facer conexións directamente desde tubaxes de bombeo, liñas de condución ou liñas que interconecten unidades do sistema.

Conectar equipos de bombeo ou mecanismos que succionen a auga directamente das redes de subministro ou desde as conexións domiciliarias.

Os comportamentos neglixentes ou maliciosos que provoquen calquera tipo de contaminación á rede de distribución.

A reincidencia nas infraccións graves.

Así mesmo, serán infraccións graves:

Impedir o acceso ao inmoble do persoal do servizo municipal de auga para a lectura dos contadores, a inspección das instalacións ou o exercicio de calquera das funcións propias do cargo.

Non efectuar as reparacións ou modificacións indicadas polo servizo municipal de auga do Concello na rede interna do usuario que signifiquen derroche de auga.

Interferir na prestación dos servizos de auga potable, causando prexuízos a outros usuarios.

Cortar ou interromper o servizo de auga dun terceiro.

Non pagar a conexión de auga.

Serán infraccións leves aquelas que se puideran cometer en relación ao uso ou destino da auga e que non se tipifiquen como infracción grave ou moi grave.

Sancións

As infraccións poderán ser sancionadas con multas de 900,01 a 1.800 euros no caso das tipificadas como moi graves; de 300,01 a 900 euros as graves e con sancións de ata 300 euros as infraccións leves.

A estas sancións poderáselles acumular a suspensión da subministración.

A proposta foi aprobada cos votos a favor do equipo de Goberno (PP), a abstención de AVA e o voto en contra do PSOE.

Festivos locais para o ano 2022

A corporación municipal aprobou por unanimidade declarar festivos locais no Concello de Antas de Ulla os días: 1 de marzo, martes de Entroido, e o 8 de setembro, festividade da Virxe dos Remedios. O 24 de xuño, día de San Xoán, será festivo de carácter autonómico.