Hoxe conversamos con Candela Maceda Vázquez, unha moza de 19 anos con raíces no noso Concello e estudante de enfermería que vén de asumir a presidencia da Escola Banda de Música de Antas de Ulla.

Cando e como chega Candela á Banda de Antas de Ulla?
Nacín no Concello de A Pobra de Brollón, pero por motivos familiares con 11 anos trasladeime a vivir á casa dos meus avós en Antas de Ulla.
Debido a que moitos dos meus amigos formaban parte desta asociación e me traía certa inquedanza, comecei a formar parte desta escola de música no ano 2016, matriculándome en trompa e solfexo.

Vén de facerse un proceso para elixir novo director, tamén houbo cambios na directiva?
Este último ano houbo cambios consecutivos na asociación, comezamos pola renovación da xunta directiva cambiando os cargos e os integrantes desta e posteriormente coa elección dun novo director.
Algúns integrantes decidiron tomarse un descanso logo de anos ao fronte desta asociación, xa que implica moitas horas de traballo e dedicación.

Agora ti ocupas o posto de presidenta, que obxectivos te marcas?
O obxectivo principal é manter a motivación dos músicos e a unión entre estes. Para iso xa estamos traballando en actividades como o intercambio con outras bandas de música de fóra da nosa comunidade, o campamento musical…
Por outra parte, teño como obxectivo seguir mellorando a calidade da formación, así como o aumento de integrantes desta.

Que equipo de acompaña?
Somos unha directiva moi nova e traemos moitas ganas de traballar e facer cousas novas. Forman parte dela Hugo Mariño, Javier Valiño, María Vázquez e Ana Rodríguez.

Como consideras que se atopa a nivel musical a banda de música e a escola?
A pandemia do Covid-19 prexudicounos a nivel de que diminuímos un pouco no número de músicos, pero a pesar diso considero que temos un bo nivel musical tanto na escola como na banda, grazas a todo o profesorado que forma parte desta asociación.

Banda de Música de Antas de Ulla.

Cantos socios forman parte da banda agora mesmo?
Na actualidade, temos arredor duns 100 socios.

Haberá unha captación de novos socios? De que maneira se vai facer?
Estamos traballando niso, o traballo está consistindo en que a directiva fala cos diferentes veciños facéndolles a proposta e posteriormente, no caso de que acepten colaborar coa asociación, estes cobren unha folla de rexistro que a nós nos permite identificalos e enviarlles as invitacións aos concertos, carné de socio, novidades…

Que plans tedes a curto prazo?
A curto prazo buscamos poder retomar as nosas actuación nas festas ao longo do verán, e ademais temos dous concertos á vista, un deles será o concerto de Fin de Curso da nosa escola de música o día 18 de xuño. E o outro concerto será o 24 de xuño, que coma sempre nas festas do Concello actuaremos á mediodía e á noite, no cal faremos a presentación do noso novo director Andrés.

E a longo prazo?
De cara o curso que vén estamos planteando cambios na nosa escola de música, sempre coa intención de mellorar as condicións e a motivación do alumnado.

Que colaboración esperas dos veciños e veciñas de Antas?
Que poidamos aumentar o noso número de socios, xa que para nós é de gran axuda. E por outra parte, o seu apoio en cada un dos concertos que fagamos.

Dicía Toirán que a Banda é un ben cultural moi importante, pensas o mesmo?
Considero que a banda de Antas, logo dos seus 125 anos de historia é un ben que debemos conservar, xa que no noso Concello hai unha gran parte dos veciños que dun xeito ou de outro están ou estiveron vinculados con ela.

Ademais, de que esta leva o nome do noso pobo alí por onde vaiamos.

Candela Maceda (no centro).