O contedor de fracción orgánica chega ao Concello de Antas de Ulla

A partir deste ano o concello de Antas de Ulla sumarase aos concellos galegos que teñen implantado nas súas rúas o contedor de fracción orgánica.

Deste xeito, o concello avanza no cumprimento das obrigas legais recollidas na lei de residuos galega, onde se establece que os concellos deberán instaurar antes do 31 de decembro de 2023 a recollida separada dos residuos de tipo orgánico.

Este programa consiste na instalación do quinto contedor polo Concello, que terán unha capacidade de 240 litros e estarán dotados dun peche con chave, co fin evitar o depósito neles de residuos de tipo non orgánico. A participación na nova recollida e a solicitude da correspondente chave é totalmente de balde e pode facerse no teléfono do Concello, 982 37 92 51 ou escribindo a concello.antasdeulla@eidolocal.es. No momento da inscrición deberá indicarse un nome e teléfono de contacto así como o enderezo do establecemento.

A este respecto, o tipo de residuos admitidos indicarase no propio contedor. De xeito xeral, admitiranse: restos de alimentos, tanto cociñados como crús, papel de cociña usado, pousos de café e pequenos restos de plantas, entre outros. En todo caso, debe terse presente que o depósito de residuos no contedor deberá facerse en bolsa compostable xa que o residuo recollido será tratado na planta de compostaxe da Sociedade Galega de Medio Ambiente.

Coa fin de dar a coñecer o funcionamento do novo contedor, o Concello de Antas de Ulla desenvolverá durante estes primeiros meses de arranque do proxecto unha campaña de comunicación que incluirá a preparación de material divulgativo para a cidadanía e a realización de chamadas e visitas individuais aos grandes xeradores de fracción orgánica.

A Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla convoca o certame de poesía infantil ‘Nadal 2022’

A Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla convoca o certame de poesía infantil ‘Nadal 2022’ cuxas bases vén de facer públicas a través da páxina web do Concello de Antas de Ulla e das redes sociais oficias.

BASES:

1.- Poden participar todos os nenos e nenas, con poemas cuxa temática sexa ‘O NADAL’.

2.- Establécense tres categorías : A: ata 8 anos; B: de 9 a 11 anos; e C; de 12 a 16 anos.

3.- Cada autor/a poderá presentar cantos traballos desexe. Os poemas estarán redactados en galego cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, e poderán presentarse mecanografados, escritos a computadora ou a man; neste último caso sempre a bolígrafo e nunca a lapis. Con cada traballo, acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor/a.

4.- O prazo de presentación dos poemas rematará o 30 de decembro de 2022, debendo ser entregados polos seus autores/as na Biblioteca Pública Municipal.

5.- Un xurado, formado por entendidos na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos. Os autores/as seleccionados recibirán cadanseu diploma e libros.

6. -Os traballos premiados nesta fase local, participarán na fase provincial do Certame, convocado pola Biblioteca Pública de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade da Xunta de Galicia.

7.- O fallo do xurado local farase público na primeira quincena de xaneiro do 2023.

8.- Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública de Lugo que

se reserva o dereito de publicación dos mesmos.

9.- Todas as incidencias non previstas nestas bases serán resoltas polo xurado.

10.- A presentación das obras a este certame supoñen a aceptación das presentes bases.

O Concello de Antas de Ulla organiza dúas actividades dirixidas ás veciñas con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Co gallo da celebración, o 25 de novembro, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, desde o Concello de Antas de Ulla, vanse levar a cabo 2 actividades dirixidas ás veciñas de Antas de Ulla e enfocadas a fomentar o empoderamento persoal como ferramenta clave para acadar uns niveis de autoestima, autocoidado e desenvolvemento persoal adecuados. Potenciar unha visión positiva dunha mesma fai que confiemos máis nas nosas capacidades e no poder de cambiar aquilo que non nos gusta.
Afortunadamente, a sociedade actual está a cambiar, pero aínda queda moito camiño por percorrer no ámbito da igualdade e o respecto cara á muller, por iso desde o Concello se programaron estas actividades gratuítas, encamiñadas a potenciar o empoderamento das veciñas de Antas de Ulla:
• Curso de autodefensa para mulleres, ante situacións violentas, organizado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, co que se pretende ensinar ás mulleres participantes técnicas para poder defenderse ante un caso de agresión ou de perigo.
• Curso de asesoría de automaquillaxe, subvencionado con cargo ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero, como ferramenta de empoderamento feminino a través da autoestima.
Información e inscricións no Concello de Antas de Ulla.
POR UNHA SOCIEDADE LIBRE DE VIOLENCIA DE XÉNERO

4ª dose da vacina da covid-19

O Concello de Antas de Ulla facilitaralle o traslado ao HULA a aquelas persoas maiores de 80 anos que o precisen ou o demanden para poñer a 4ª dose da vacina da covid-19. Tan só teñen que poñerse en contacto co Concello ou pedilo nas Oficinas Municipais.

No caso de que non se poida acudir á cita, está planificado desde o principio a vacinación como “repesca” nos centros de saúde de cabeceira así como nos domicilios nos pacientes inmobilizados. En aproximadamente 15 días chámaselles e vacínaselles no seu centro de saúde ou no seu domicilio no caso de que sexa necesario. Este procedemento xa se utilizaba antes.

Hai varios motivos polos que o Sergas cita aos maiores en grandes recintos:

  • Alíviase a Atención Primaria de traballo.
  • Son moitos os colectivos e persoas que pediron acudir a recintos máis grandes, onde é máis fácil o aparcamento e hai un servizo de axuda, con voluntarios, para os maiores con problemas de mobilidade ou de calquera outro tipo.
  • O obxectivo é vacinar a toda a poboación no menor tempo posible, facilitando todos os dispositivos posibles e sendo flexibles e sensibles a todas as circunstancias persoais e de saúde na poboación.

Se precisas axuda, chama ou pásate polo Concello de Antas de Ulla.

O Concello e a Banda de Música de Antas de Ulla asinan un acordo de colaboración para levar as súas actuacións ás festas parroquiais

O Concello e a Banda de Música de Antas de Ulla asinan un acordo de colaboración para levar as súas actuacións ás festas parroquiais. O Goberno local comprométese a financiar os concertos que dará a formación musical que xa suma máis de 125 anos de historia.

O alcalde de Antas de Ulla, Javier Varela, e a presidenta da Escola Banda de Música de Antas de Ulla, Candela Maceda, mantiveron unha reunión de traballo na que acordaron que todas aquelas festas que teñan romaría poden ter actuación da banda, sempre que o soliciten.

O Concello de Antas de Ulla será o encargado de sufragar as actuacións, de maneira que estas no terán custo para as comisións de festas.

En base a este acordo a Banda de Música de Antas de Ulla ofrecerá un pasarrúas de mañá, tocará na misa ou procesión e fará un concerto de mediodía naquelas romarías que sexan os festivos ou as fins de semana.

Tanto o rexedor de Antas de Ulla como a presidenta da Escola Banda de Música de Antas de Ulla remarcan a importancia deste acordo que se pon en marcha este mesmo verán e que permitirá que todos os veciños e veciñas gocen da música da banda do pobo. “Permitirá achegar a súa música a máis xente e animar a aquelas persoas que desexen sumarse á formación”, destaca Javier Varela.

“Temos dous concertos á vista, un o de fin de curso da Escola de Música o día 18 e outro o 24 de xuño, que tocaremos a mediodía e á noite”, Candela Maceda, presidenta da Escola Banda de Música de Antas de Ulla

Hoxe conversamos con Candela Maceda Vázquez, unha moza de 19 anos con raíces no noso Concello e estudante de enfermería que vén de asumir a presidencia da Escola Banda de Música de Antas de Ulla.

Cando e como chega Candela á Banda de Antas de Ulla?
Nacín no Concello de A Pobra de Brollón, pero por motivos familiares con 11 anos trasladeime a vivir á casa dos meus avós en Antas de Ulla.
Debido a que moitos dos meus amigos formaban parte desta asociación e me traía certa inquedanza, comecei a formar parte desta escola de música no ano 2016, matriculándome en trompa e solfexo.

Vén de facerse un proceso para elixir novo director, tamén houbo cambios na directiva?
Este último ano houbo cambios consecutivos na asociación, comezamos pola renovación da xunta directiva cambiando os cargos e os integrantes desta e posteriormente coa elección dun novo director.
Algúns integrantes decidiron tomarse un descanso logo de anos ao fronte desta asociación, xa que implica moitas horas de traballo e dedicación.

Agora ti ocupas o posto de presidenta, que obxectivos te marcas?
O obxectivo principal é manter a motivación dos músicos e a unión entre estes. Para iso xa estamos traballando en actividades como o intercambio con outras bandas de música de fóra da nosa comunidade, o campamento musical…
Por outra parte, teño como obxectivo seguir mellorando a calidade da formación, así como o aumento de integrantes desta.

Que equipo de acompaña?
Somos unha directiva moi nova e traemos moitas ganas de traballar e facer cousas novas. Forman parte dela Hugo Mariño, Javier Valiño, María Vázquez e Ana Rodríguez.

Como consideras que se atopa a nivel musical a banda de música e a escola?
A pandemia do Covid-19 prexudicounos a nivel de que diminuímos un pouco no número de músicos, pero a pesar diso considero que temos un bo nivel musical tanto na escola como na banda, grazas a todo o profesorado que forma parte desta asociación.

Banda de Música de Antas de Ulla.

Cantos socios forman parte da banda agora mesmo?
Na actualidade, temos arredor duns 100 socios.

Haberá unha captación de novos socios? De que maneira se vai facer?
Estamos traballando niso, o traballo está consistindo en que a directiva fala cos diferentes veciños facéndolles a proposta e posteriormente, no caso de que acepten colaborar coa asociación, estes cobren unha folla de rexistro que a nós nos permite identificalos e enviarlles as invitacións aos concertos, carné de socio, novidades…

Que plans tedes a curto prazo?
A curto prazo buscamos poder retomar as nosas actuación nas festas ao longo do verán, e ademais temos dous concertos á vista, un deles será o concerto de Fin de Curso da nosa escola de música o día 18 de xuño. E o outro concerto será o 24 de xuño, que coma sempre nas festas do Concello actuaremos á mediodía e á noite, no cal faremos a presentación do noso novo director Andrés.

E a longo prazo?
De cara o curso que vén estamos planteando cambios na nosa escola de música, sempre coa intención de mellorar as condicións e a motivación do alumnado.

Que colaboración esperas dos veciños e veciñas de Antas?
Que poidamos aumentar o noso número de socios, xa que para nós é de gran axuda. E por outra parte, o seu apoio en cada un dos concertos que fagamos.

Dicía Toirán que a Banda é un ben cultural moi importante, pensas o mesmo?
Considero que a banda de Antas, logo dos seus 125 anos de historia é un ben que debemos conservar, xa que no noso Concello hai unha gran parte dos veciños que dun xeito ou de outro están ou estiveron vinculados con ela.

Ademais, de que esta leva o nome do noso pobo alí por onde vaiamos.

Candela Maceda (no centro).