A Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla convoca o certame de narración e debuxo infantil ‘Letras Galegas 2021’

A Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla vén de facer públicas as bases que rexerán o certame de narración e debuxo infantil ‘Letras Galegas 2021’ na súa fase local.

Poderán participar todas as nenas e nenos con:

a) Narracións en galego cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara sobre o tema ‘O dereito dos nenos e as nenas a participar na vida cultural. (Artigo 13, Convención sobre os dereitos do neno).

b) Debuxos feitos sobre cartolina de tamaño aproximado DIN A4 sobre o tema ‘O dereito dos nenos e as nenas a participar na vida cultural. (Artigo 13, Convención sobre os dereitos do neno).

Cada autor pode presentar cantos traballos desexe, mecanografados, escritos a computadora ou a man. Neste último caso, sempre a bolígrafo e nunca a lapis. Con cada traballo acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor.

Categorías

Establécense tres categorías: A) ata oito anos. B) de 9 a 11 anos. C) de 12 a 16 anos.

Prazo de presentación

O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro día 7 de maio, debendo ser entregados polos seus autores na Biblioteca Pública Municipal.

O xurado, formado por persoas entendidas na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de 3 traballos. O fallo do xurado farase público antes do Día das Letras Galegas, o 17 de maio.

Os traballos premiados na fase local participarán na fase provincial do certame, convocado pola Biblioteca Pública de Lugo co patrocinio da Consellería de Cultura Educación e Universidade da Xunta.

Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública Municipal, que se reserva o dereito de publicación dos mesmos. A presentación dos orixinais supón a total aceptación destas bases.

O Concello de Antas de Ulla dótase dun Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais

O Concello de Antas de Ulla dótase dun Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais, cuxa aprobación inicial foi publicada no BOP o 11 de febreiro. O seu obxectivo principal é a definición da rede de faixas secundarias de xestión da biomasa, formadas por un conxunto de parcelas lineais do territorio estratexicamente localizadas, e garantir o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal, mediante técnicas silvícolas axeitadas, coa fin principal de reducir o risco de incendio e protexer a seguranza das persoas.

O documento foi redactado por SEAGA en colaboración co Concello de Antas de Ulla, en virtude da adhesión do Goberno local ao Convenio de Colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e SEAGA en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Neste Plan defínese a rede de faixas secundarias de acordo co establecido na Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, no cal se inclúe a rede secundaria de faixas de xestión da biomasa perimetral ao solo urbano, núcleos rurais e urbanizables, ao redor das edificacións destinadas ás persoas, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras, parques e instalacións.

Franxas secundarias.

IRP Moderado

A análise estatística dos incendios forestais acontecidos no Concello foi elaborada a partir dos datos proporcionados pola Consellería do Medio Rural para o período 2008-2017. Segundo o PEIFOGA, o Índice de Risco Potencial (IRP) para o Concello de Antas de Ulla é Moderado e NON está declarado como Zona de Alto Risco (ZAR).

Para o período considerado o Concello de Antas de Ulla presenta unha media de 8,40 incendios/ano e 18,11 hectáreas/ano queimadas. O número de incendios forestais ocorridos foi de 84 lumes, queimando un total de 181,05 hectáreas, 39,78 arboradas e 141,27 rasas.

No concello de Antas de Ulla non hai declarada ningunha parroquia de alta actividade incendiaria segundo o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA 2020).

Amósanse a continuación os datos desagregados por parroquias. Tal e como se pode apreciar, o maior número de incendios ocorre nas parroquias de A Cervela (San Miguel) e Árbol (Santalla), sendo a de San Fiz de Amarante (San Fiz) a que presenta maior superficie queimada.

Lumes por parroquia.

Análise do estado forestal do Concello

O importante valor que o monte cumpre para a cidadanía no seu conxunto, está ameazado pola propagación de incendios forestais, afectando a súa riqueza ambiental e paisaxística e ás actividades agroforestais que se desenvolven no monte. Así mesmo, os incendios forestais, chegan a ameazar incluso á seguridade das persoas e dos bens.

Neste contexto, cabe destacar a importancia da análise do estado forestal do Concello, así coma as zonas prioritarias de actuación e as faixas de prevención contra os incendios forestais, o que facilitará a toma de decisións para determinar as medidas necesarias en cada caso.

O Plan, a disposición na sede electrónica

O Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais está a disposición de quen o queira consultar na sede electrónica do Concello de Antas de Ulla https://concellodeantas.sedelectronica.gal/ e nel pódese acceder tamén á cartografía completa das faixas secundarias de xestión de biomasa.

O Concello de Antas de Ulla aproba o Proxecto de Orzamento Xeral para 2021 no que prima o gasto social e os investimentos

O equipo de Goberno do Concello de Antas de Ulla someteu hoxe a aprobación inicial o Proxecto do Orzamento Xeral para o exercicio económico 2021, que ascende a 2.541.271,25 euros.

As contas para 2021 presentan unha serie de liñas básicas, entre as que se atopan os servizos sociais, cuxo gasto en persoal suporá 550.000 euros. As axudas de emerxencia social reciben 12.000 euros; as axudas á hostalería e comercio, 15.000 euros; 2.500 euros irán destinados a axudas para estudantes, mentres que o persoal de atención temperá recibe 90.000 euros.

O gasto corrente derivado da situación sanitaria suporá 100.000 euros, aos que se suman 90.000 para persoal covid-19, o persoal específico para a realización de tarefas relacionadas coa necesidade de previr e conter o avance da COVID-19, tales como limpeza e desinfección.

A estas partidas engádense 57.000 euros para APROL RURAL, 28.000 euros para o programa Depuemprego e 50.000 euros para as brigadas de loita contra incendios.

Cultura e deporte

O Goberno local destina 100.000 euros para Cultura e 157.000 euros para Deporte, unha partida na que se inclúen obras de mellora no polideportivo por importe de 122.921 euros.

No exercicio do ano 2021 prevese unha amortización de débeda de 85.000 euros.

Casa do Concello de Antas de Ulla

Investimentos

En canto aos investimentos, destínanse 60.233 euros á mellora do firme na estrada de Vilapoupre, Montecelos, San Fiz e Vilasión (2020-2021, incluída a anualidade 2021). Tamén se fará a mellora do firme na estrada de Alvidrón a San Martiño (2021-2022) por importe de 74.866,78 euros.

A maiores, a pavimentación en Frádegas, Santa María, Casadenaia e Aboi recibe 29.847,06 euros; as melloras no firme de estradas en Castro de Amarante, San Martiño de Vilapoupre e Arcos supoñen 25.699,76 euros; a mellora do firme no Rial, 21.052,82 euros e a mellora do firme en Timós 12.899,06 euros.

As contas aprobadas hoxe recollen 48.300,49 euros para melloras en locais sociais, así como a mellora de instalacións deportivas, coa rehabilitación da cuberta e fachada do polideportivo por un importe de 122.921,94 euros.

Tamén se levará a cabo a humanización e substitución de servizos da Rúa General Portomeñe, actuación á que se destinan 87.267,79 euros. O abastecemento de augas en Caldeas suporá 22.988,22 euros.

Faranse melloras en vías públicas e abastecemento por un total de 40.000 euros e expropiacións por importe de 3.875,00 euros.

Do total do Orzamento resérvanse 27.000 euros para acometer diversas melloras no Centro de Saúde, no Colexio, na Casa da Cultura, na Casa do Concello, iluminación e monitorización de depósitos.

A proposta de Orzamentos saíu adiante cos votos a favor do equipo de Goberno e o voto en contra dos grupos da oposición.

Un millar de veciños de Antas de Ulla benefíciase dun programa de compostaxe para a correcta xestión da fracción orgánica

O Concello de Antas de Ulla a través do programa ‘Sementa vida’ vén de poñer en marcha un proxecto de compostaxe doméstica e comunitaria enmarcado dentro das axudas concedidas polo PIMA na convocatoria do ano 2019 por un importe de 31.629,40 euros.

A través desta iniciativa o Concello repartiu 140 composteiros domésticos entre os veciños e veciñas interesados, co obxectivo de xestionar os restos de comida xerados nos fogares ao convertelos nun ben moi prezado denominado compost. Calcúlase que o proxecto beneficie a preto dun millar de veciños e veciñas.

O Goberno local recoméndalle aos veciños e veciñas de Antas de Ulla que depositen os restos orgánicos xerados no seu fogar nos composteiros domésticos e que só depositen no colector verde a fracción resto. Deste xeito axudarán a mellorar a xestión de residuos do Concello de Antas de Ulla no seu conxunto.

O Goberno local tamén estableceu dous puntos informativos, un na Casa do Concello e outro na Casa da Cultura, onde poderán atopar material informativo sobre a correcta separación de residuos en orixe, así como do proceso de compostaxe.

Bio-trituradora

Como complemento a estes dous sistemas de compostaxe instalados, o Concello tamén adquiriu unha bio-trituradora de restos vexetais que será posta a disposición dos veciños de Antas de Ulla cun dobre obxectivo, triturar restos vexetais xerados nas vivendas e obter estruturante para empregar no proceso da compostaxe.

ComposteiroPor que se debe compostar os restos orgánicos?

Cerca do 50% dos residuos que xeramos no fogar están compostos por restos de comida. Reciclar esta materia orgánica mediante compostaxe doméstica e comunitaria achega numerosos beneficios dende o punto de vista ambiental, social e económico.

Se o residuo non sae da casa xa non será necesario recollelo nin transportalo ata o punto de xestión, almacenalo e finalmente reciclalo. Aforramos deste xeito as emisións de CO2 do transporte e tratamento e o propio custo de xestionalo. Por outro lado, o produto final que obtemos é un fertilizante natural de excelente calidade con propiedades que melloran o solo e evitando a compra e uso doutros produtos químicos.

Os residuos orgánicos poden ser un grave problema medioambiental se non se xestionan correctamente. A súa descomposición sen control produce lixiviados que contaminan solos, ríos e acuíferos e emiten gases de efecto invernadoiro como metano e dióxido de carbono.

Que materiais podo compostar?

Pódense botar restos da cociña como froitas e verduras, carne e peixe, pan, legumes e cereais, ovos e cunchas de moluscos, froitos secos, pousos de café e infusións, panos e papel de cociña sen tinturas. Tamén se poden botar restos do xardín e horta como follas, flores, raíces e restos das colleitas, herba e palla, restos de poda triturados, cinza e serraduras de madeira sen aditivos, papel e cartón.

Débese evitar botar no composteiro materiais como plásticos, vidro, papel de aluminio e calquera outro material non orgánico, revistas ou papel impreso a cor, tecidos sintéticos, restos de madeiras tratadas con produtos químicos (vernices, pinturas, etc.).

Baixo o slogan ‘Faino por ti, por min, sementa vida’ preténdese concienciar á poboación da importancia de xestionar os restos orgánicos para valorizar e obter un fertilizante natural de calidade.

O Concello de Antas de Ulla instala 10 contedores de aceite de cociña usado

O programa “Sementa Vida” do Concello de Antas de Ulla vén de poñer en marcha un proxecto de recollida e xestión dos aceites de cociña usados enmarcado dentro das axudas concedidas polo PEMAR na convocatoria do ano 2019 e por un importe de 3.285,15 euros.

A través do mesmo, o Concello instalou 10 contedores de aceite doméstico usado en diferentes puntos do municipio para que os veciños e veciñas depositen alí o aceite ao final do seu ciclo de vida.

Ademais, o goberno local tamén estableceu dous puntos informativos, un na Casa do Concello e outro na Casa da Cultura, onde poderán atopar carteis coas localizacións dos contedores instalados, material informativo sobre a correcta xestión dos aceites de cociña que usen nas súas casas, así como embudes adaptados as boquillas de botellas de auga para que poidan depositar alí o aceite sen que se produzan verteduras.

Así, recoméndaselles aos veciños e veciñas que, para desfacerse do aceite, esperen a que estea frío e o depositen nun envase de plástico con tapa. Cando o envase estea cheo hai que pechalo ben para evitar verteduras e depositalos nos contedores instalados nos diferentes puntos habilitados polo Concello de Antas de Ulla.

O programa tamén se achegou ao colexio coa entrega de diverso material informativo e a entrega aos nenos e nenas dun xabón artesanal feito con aceite e un embude para concencialos sobre a importancia de reciclar.

Por que se debe xestionar de forma axeitada o aceite?

Desfacernos do aceite de cociña usado aínda que sexa en pequenas cantidades trae consigo un sobre custo, tanto a nivel domiciliario como na propia xestión do mesmo en estacións depuradoras.

O aceite que se verte polo vertedoiro ou inodoro obstrúe as sumidoiro e retén residuos e bacterias. Cando o aceite usado chega as estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) provoca un incremento do contido de materia orgánica e isto supón un incremento do custo de depuración.

O aceite usado da cociña ten un poder contaminante moi elevado e pode resultar moi perigoso para o medio ambiente. Cando o aceite chega a medio acuáticos, provoca a morte da fauna existente na mesma por problemas de intercambio de osíxeno. Do mesmo xeito, tamén impide o paso dos raios de sol ata o interior da auga e provoca a morte de plantas acuáticas por non realizar axeitadamente a fotosíntese. Se vertes o aceites de forma reiterada no xardín da túa casa, a terra deixará de ser fértil.

Que tipos de aceite podes reciclar?

Pódense reciclar todas as graxas e aceites de tipo vexetal xerados na preparación, cociñado e condimento de diferentes alimentos nos ámbitos domésticos, centros e institucións, hostalería, restauración ou análogos.

Baixo o slogan ‘Reduce en orixe. Reutiliza. Recicla’ preténdese concienciar á poboación da importancia de recoller de forma axeitada o aceite da cociña para valorizar e obter a partir del biocarburantes, xabóns, vernices ou ceras. Conséguese ademais xerar actividade económica e reducir a dependencia de combustibles fósiles.