“A Banda de Música de Antas é un ben cultural moi importante para a vila, xa que leva o seu nome alá onde vai”

O mozo natural de Láncara Andrés Álvarez Toirán (1994) vén de facerse coa batuta da Escola Banda de Música de Antas de Ulla. Hoxe conversamos con el para coñecelo un pouco mellor e saber os proxectos que ten para a formación.

O novo director comezou os seus estudos profesionais de música no Conservatorio Xoán Montes de Lugo e rematou no Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela. Posteriormente, cursou os estudos superiores de música no Conservatorio Superior de Música de A Coruña.Anuncia un evento de fin de curso para o 18 de xuño con todos os alumnos e alumnas da Escola de Música e a actuación da Banda polo San Xoán.

Quen é Andrés Álvarez Toirán? Cal é a túa procedencia a nivel persoal e musical?

Crieime na miña vila natal A Pobra de San Xiao (Láncara) e comecei os meus estudos no Conservatorio Profesional de Lugo aos 9 anos de idade. Son o primeiro músico da miña familia e comecei nesta profesión grazas a meus pais, que me animaron a formar parte da banda de música que había por aquel momento no meu pobo. Posteriormente, e gracias a eles, anoteime no Conservatorio de Lugo.

Por motivos laborais, trasladámonos a Santiago de Compostela e alí rematei o Grao Profesional. Tras as dúbidas típicas dun adolescente ao rematar o Bacharelato, decidinme a continuar coa miña formación musical para poderme dedicar ao que hoxe en día é a miña profesión.

Andrés Álvarez Toirán cos músicos da Escola Banda de Música de Antas de Ulla.

Como chegas á Banda de Música de Antas de Ulla?

Xa tocara coa Banda de Música de Antas de Ulla en varias ocasións, levando sempre unha moi boa impresión da formación en canto á calidade humana e musical. Por iso, cando vin que abrían o proceso de selección para a elección dun novo director, non o dubidei e presenteime.

Cal é o teu proxecto para a formación?

En primeiro lugar, gustaríame continuar co traballo de calidade que se veu realizando ata o de agora por parte da directiva e de Javier.

Penso que a Banda de Música de Antas é un ben cultural moi importante para a vila, xa que leva o seu nome alá onde vai. Por iso, intentarei que a calidade musical sexa sempre unha premisa fundamental no noso traballo diario para así alcanzar os maiores éxitos posibles.

E os plans para a Escola de Música?

A Escola de Música é o piar fundamental sobre o que se sostén a Banda. Gracias á formación que se ofrece, o alumnado adquire uns coñecementos musicais que lle permiten desenvolverse. Canto mellor sexa a formación ofrecida, mellores serán os resultados futuros da Banda. Porén, estamos a organizar un campamento musical no que se ofrecerán masterclass con músicos de renome para todos os alumnos da escola.

Xa tiveches os primeiros ensaios? Como foi a acollida?

Si, a verdade é que dende o primeiro momento a acollida foi moi boa. Durante estes primeiros ensaios deime conta de que a maiores de ser compañeiros de atril, os músicos da banda son unha piña e isto fai que me sinta como na casa.

Tedes xa algún concerto ou actuacións previstas de cara o verán?

O certo é que si. Estamos a preparar xa o remate do curso da Escola de Música cun evento que levaremos a cabo o día 18 de xuño, no que participarán todos os alumnos. A maiores, temos tamén o ollo posto na actuación que realizaremos durante as festas de San Xoán, para a que xa estamos ensaiando con moito entusiasmo.

Entre os obxectivos desta nova etapa está o de captar novo alumnado? Tentando chegar tamén a concellos cercanos?

A verdade é que si, o incremento do alumnado sempre é un aliciente que garante o futuro da formación e que nos anima a seguir traballando. Porén, sempre temos as portas abertas a todo o mundo que queira formar parte da Escola e da Banda de Música de Antas de Ulla. A día de hoxe, algúns alumnos e compoñentes da banda veñen dende outros concellos, o que nos demostra que estamos ante un ben cultural que debemos conservar e polo que debemos loitar.

Andrés Álvarez Toirán.