O Concello de Antas de Ulla aproba unha ordenanza municipal para a protección e conservación dos camiños e vías públicas municipais en relación coas operacións de saca de madeira

O Concello de Antas de Ulla aprobou no pleno ordinario de hoxe unha ordenanza a proposta da Alcaldía para velar pola debida conservación dos camiños e vías públicas municipais, en relación cos danos e desperfectos que poden sufrir como consecuencia das operacións de saca de madeira, comprendéndose dentro desta tanto as operacións preparatorias da corta da madeira como as posteriores.

Resulta tamén prioritario o interese en protexer ás persoas, vivendas e outras edificacións nos supostos de incendios forestais; e para isto é esencial que as vías de acceso ás zonas forestais se atopen sempre en perfecto estado.

Trátase, en definitiva, con esta ordenanza, de facer compatible a actividade de aproveitamento forestal coa preservación do medio natural, a protección paisaxística, a conservación dos camiños e a seguridade viaria.

Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta ordenanza: as talas puntuais de exemplares de árbores illadas, as podas e refaldes en plantacións forestais, o clareo de rebrotes de cepa de menos de tres anos, os traballos de desbroce e limpeza de predios e as talas que teñan por finalidade os aproveitamentos para uso doméstico, a eliminación dunha situación de perigo para persoas ou bens, ou as que se produzan como consecuencia da enfermidade da especie.

Como proceder

O madeireiro terá que presentar de xeito obrigatorio, con 10 días hábiles de antelación á data prevista para o inicio da súa execución, un escrito de comunicación previa, conforme a un modelo que facilita o Concello, e sen prexuízo da obtención dos permisos e/ou autorizacións sectoriais que, conforme á normativa vixente, sexan necesarios para cortar montes ou terreos forestais. Poderase facer unha comunicación previa para varios montes e/ou parcelas cando os traballos vaian a realizarse simultaneamente.

Obrigas dos madeireiros

Presentar nas oficinas municipais o escrito de comunicación previa.

Sinalizar os viais situados nas zonas de extracción e depósito da madeira, conforme ao establecido na normativa vixente en materia de tráfico, circulación e seguridade viaria.

Limpar, retirar ou eliminar os residuos procedentes da corta da madeira e das operacións de carga e almacenamento, de xeito que os espazos públicos municipais queden en todo momento no mesmo estado de limpeza e conservación que tiñan antes de levarse a cabo esas operacións. Esta obriga deberá cumprirse todos os días ao final da xornada de traballo.

Limpar as superficies de montes e terreos forestais de xeito que non queden restos ou materiais que poidan constituír risco de incendio.

Repoñer ao seu estado anterior as ramplas abertas para facilitar o acceso ás fincas ou montes.

Responder dos danos e desperfectos ocasionados nos lugares da tala, viais de acceso, instalacións e demais infraestruturas municipais, como consecuencia da realización das actividades de saca de madeira.

Constituír a garantía que corresponda a prol do Concello de Antas de Ulla. A garantía vai depender do número de toneladas recollidas, que irán dos 100 euros (20 toneladas) aos 2.500 euros (1.000 toneladas). O madeireiro deberá depositar a garantía na Tesourería Municipal con carácter previo á presentación da comunicación previa. O madeireiro poderá depositar tamén unha garantía anual nos primeiros 20 días hábiles do ano por importe de 3.000 euros que responderá das distintas cortas a realizar no termo municipal.

Incumprimentos e sancións

En caso de cumprimento, o Concello devolverá a garantía, previo informe favorable dos Servizos Técnicos Municipais. De incumprir, o Concello acordará a realización dos traballos que sexan necesarios, a costa do obrigado, sobre o importe da garantía depositada. Cando as cantidades depositadas en concepto de garantía resulten insuficientes para sufragar os traballos mencionados no parágrafo anterior, recadarase a diferenza en concepto de ingreso de dereito público.

As infraccións serán sancionadas con multas que van desde os 300 aos 3.000 euros.

A proposta foi aprobada cos votos a favor do equipo de Goberno (PP), a abstención de AVA e o voto en contra do PSOE.