O traballo documental sobre o Servizo de Axuda no Fogar de Antas de Ulla recibe un premio internacional

O traballo documental sobre o Servizo de Axuda no Fogar de Antas de Ulla estreado o pasado mes de decembro vén de recibir un premio internacional e de ser seleccionado noutro festival en Italia. En concreto, o proxecto foi galardoado como mellor curtametraxe documental no Festival de Milán (Milan Gold Awards) e participou na selección oficial do Festival de Florencia (Florence Film Awards), na categoría de mellor curtametraxe documental.

Este traballo documental, creado pola produtora lucense 60Ráfagas, foi realizado para o acto de entrega da Medalla de Ouro do Concello de Antas de Ulla ao Servizo de Axuda no Fogar, que se celebrou o 22 de decembro de 2021 e estivo presidido polo Xefe do Executivo Galego, Alberto Núñez Feijóo.

No traballo, cuxa rodaxe se prolongou varias semanas, pódese ver o día a día das persoas receptoras da axuda no fogar de Antas de Ulla e a atención que reciben por parte das súas coidadoras.

O Concello de Antas de Ulla pretendía que fora unha homenaxe a todas as mulleres que conforman o servizo e ao seu bo facer, nomeadamente pola súa enorme labor durante a pandemia.

Este recoñecemento, sinala o rexedor, Javier Varela, “serve para que o vídeo se volva ver e para seguir dándolles as grazas ás coidadoras polo seu traballo e pola súa entrega diaria”.

Aproveita tamén para agradecerlles ás familias que participaron no proxecto “a súa xenerosidade á hora de abrirnos as portas dos seus fogares”. Unha gratitude que estende tamén á produtora 60Ráfas “pola súa empatía e por ter captado tan ben o día a día dun servizo fundamental para o Concello de Antas de Ulla, que se vén prestando desde hai máis de 25 anos”.

O vídeo pódese ver no seguinte enlace:

https://www.youtube.com/watch?v=13rj6zPzaaU