O contedor de fracción orgánica chega ao Concello de Antas de Ulla

A partir deste ano o concello de Antas de Ulla sumarase aos concellos galegos que teñen implantado nas súas rúas o contedor de fracción orgánica.

Deste xeito, o concello avanza no cumprimento das obrigas legais recollidas na lei de residuos galega, onde se establece que os concellos deberán instaurar antes do 31 de decembro de 2023 a recollida separada dos residuos de tipo orgánico.

Este programa consiste na instalación do quinto contedor polo Concello, que terán unha capacidade de 240 litros e estarán dotados dun peche con chave, co fin evitar o depósito neles de residuos de tipo non orgánico. A participación na nova recollida e a solicitude da correspondente chave é totalmente de balde e pode facerse no teléfono do Concello, 982 37 92 51 ou escribindo a concello.antasdeulla@eidolocal.es. No momento da inscrición deberá indicarse un nome e teléfono de contacto así como o enderezo do establecemento.

A este respecto, o tipo de residuos admitidos indicarase no propio contedor. De xeito xeral, admitiranse: restos de alimentos, tanto cociñados como crús, papel de cociña usado, pousos de café e pequenos restos de plantas, entre outros. En todo caso, debe terse presente que o depósito de residuos no contedor deberá facerse en bolsa compostable xa que o residuo recollido será tratado na planta de compostaxe da Sociedade Galega de Medio Ambiente.

Coa fin de dar a coñecer o funcionamento do novo contedor, o Concello de Antas de Ulla desenvolverá durante estes primeiros meses de arranque do proxecto unha campaña de comunicación que incluirá a preparación de material divulgativo para a cidadanía e a realización de chamadas e visitas individuais aos grandes xeradores de fracción orgánica.