A Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla convoca o certame de narración e debuxo infantil ‘Letras Galegas 2021’

A Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla vén de facer públicas as bases que rexerán o certame de narración e debuxo infantil ‘Letras Galegas 2021’ na súa fase local.

Poderán participar todas as nenas e nenos con:

a) Narracións en galego cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara sobre o tema ‘O dereito dos nenos e as nenas a participar na vida cultural. (Artigo 13, Convención sobre os dereitos do neno).

b) Debuxos feitos sobre cartolina de tamaño aproximado DIN A4 sobre o tema ‘O dereito dos nenos e as nenas a participar na vida cultural. (Artigo 13, Convención sobre os dereitos do neno).

Cada autor pode presentar cantos traballos desexe, mecanografados, escritos a computadora ou a man. Neste último caso, sempre a bolígrafo e nunca a lapis. Con cada traballo acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor.

Categorías

Establécense tres categorías: A) ata oito anos. B) de 9 a 11 anos. C) de 12 a 16 anos.

Prazo de presentación

O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro día 7 de maio, debendo ser entregados polos seus autores na Biblioteca Pública Municipal.

O xurado, formado por persoas entendidas na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de 3 traballos. O fallo do xurado farase público antes do Día das Letras Galegas, o 17 de maio.

Os traballos premiados na fase local participarán na fase provincial do certame, convocado pola Biblioteca Pública de Lugo co patrocinio da Consellería de Cultura Educación e Universidade da Xunta.

Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública Municipal, que se reserva o dereito de publicación dos mesmos. A presentación dos orixinais supón a total aceptación destas bases.