O Concello e a Banda de Música de Antas de Ulla asinan un acordo de colaboración para levar as súas actuacións ás festas parroquiais

O Concello e a Banda de Música de Antas de Ulla asinan un acordo de colaboración para levar as súas actuacións ás festas parroquiais. O Goberno local comprométese a financiar os concertos que dará a formación musical que xa suma máis de 125 anos de historia.

O alcalde de Antas de Ulla, Javier Varela, e a presidenta da Escola Banda de Música de Antas de Ulla, Candela Maceda, mantiveron unha reunión de traballo na que acordaron que todas aquelas festas que teñan romaría poden ter actuación da banda, sempre que o soliciten.

O Concello de Antas de Ulla será o encargado de sufragar as actuacións, de maneira que estas no terán custo para as comisións de festas.

En base a este acordo a Banda de Música de Antas de Ulla ofrecerá un pasarrúas de mañá, tocará na misa ou procesión e fará un concerto de mediodía naquelas romarías que sexan os festivos ou as fins de semana.

Tanto o rexedor de Antas de Ulla como a presidenta da Escola Banda de Música de Antas de Ulla remarcan a importancia deste acordo que se pon en marcha este mesmo verán e que permitirá que todos os veciños e veciñas gocen da música da banda do pobo. “Permitirá achegar a súa música a máis xente e animar a aquelas persoas que desexen sumarse á formación”, destaca Javier Varela.