O Concello de Antas de Ulla instala 10 contedores de aceite de cociña usado

O programa “Sementa Vida” do Concello de Antas de Ulla vén de poñer en marcha un proxecto de recollida e xestión dos aceites de cociña usados enmarcado dentro das axudas concedidas polo PEMAR na convocatoria do ano 2019 e por un importe de 3.285,15 euros.

A través do mesmo, o Concello instalou 10 contedores de aceite doméstico usado en diferentes puntos do municipio para que os veciños e veciñas depositen alí o aceite ao final do seu ciclo de vida.

Ademais, o goberno local tamén estableceu dous puntos informativos, un na Casa do Concello e outro na Casa da Cultura, onde poderán atopar carteis coas localizacións dos contedores instalados, material informativo sobre a correcta xestión dos aceites de cociña que usen nas súas casas, así como embudes adaptados as boquillas de botellas de auga para que poidan depositar alí o aceite sen que se produzan verteduras.

Así, recoméndaselles aos veciños e veciñas que, para desfacerse do aceite, esperen a que estea frío e o depositen nun envase de plástico con tapa. Cando o envase estea cheo hai que pechalo ben para evitar verteduras e depositalos nos contedores instalados nos diferentes puntos habilitados polo Concello de Antas de Ulla.

O programa tamén se achegou ao colexio coa entrega de diverso material informativo e a entrega aos nenos e nenas dun xabón artesanal feito con aceite e un embude para concencialos sobre a importancia de reciclar.

Por que se debe xestionar de forma axeitada o aceite?

Desfacernos do aceite de cociña usado aínda que sexa en pequenas cantidades trae consigo un sobre custo, tanto a nivel domiciliario como na propia xestión do mesmo en estacións depuradoras.

O aceite que se verte polo vertedoiro ou inodoro obstrúe as sumidoiro e retén residuos e bacterias. Cando o aceite usado chega as estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) provoca un incremento do contido de materia orgánica e isto supón un incremento do custo de depuración.

O aceite usado da cociña ten un poder contaminante moi elevado e pode resultar moi perigoso para o medio ambiente. Cando o aceite chega a medio acuáticos, provoca a morte da fauna existente na mesma por problemas de intercambio de osíxeno. Do mesmo xeito, tamén impide o paso dos raios de sol ata o interior da auga e provoca a morte de plantas acuáticas por non realizar axeitadamente a fotosíntese. Se vertes o aceites de forma reiterada no xardín da túa casa, a terra deixará de ser fértil.

Que tipos de aceite podes reciclar?

Pódense reciclar todas as graxas e aceites de tipo vexetal xerados na preparación, cociñado e condimento de diferentes alimentos nos ámbitos domésticos, centros e institucións, hostalería, restauración ou análogos.

Baixo o slogan ‘Reduce en orixe. Reutiliza. Recicla’ preténdese concienciar á poboación da importancia de recoller de forma axeitada o aceite da cociña para valorizar e obter a partir del biocarburantes, xabóns, vernices ou ceras. Conséguese ademais xerar actividade económica e reducir a dependencia de combustibles fósiles.