O Concello de Antas de Ulla aproba uns orzamentos de 3.847.226,62 euros, cunha clara aposta social e 1,4 millóns para investimentos reais.

“Por primeira vez, o concello terá uns orzamentos en vigor o 1 de xaneiro de 2024, unhas contas en tempo e forma, realistas e planificadas para mellorar a vida da veciñanza”, asegura a alcaldesa, Pilar García Porto.

“A caótica xestión económica do anterior goberno obrigounos a un redeseño total da área económica municipal, co obxectivo de traballar con realismo e ser útiles aos veciños e veciñas”, engadiu a alcaldesa.

Entre as prioridades para o 2024, García Porto destaca as políticas sociais, entre elas o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), e os investimentos reais nos servizos e infraestruturas públicas, cunha partida de 1.414.805 euros.

A alcaldesa considera tamén fundamental “a reforma da Casa da Cultura, para o que o concello decidiu suscribir un préstamo de 850.000 euros”.

Hai que lembrar que os fondos europeos que o anterior goberno local recibiu para as obras da Casa da Cultura “destináronse ao pago de facturas atrasadas e outras partidas”. “Ante esta situación, tiñamos dúas opción: ou pedir o crédito para devolver os cartos ó ministerio ou pedir o crédito para executar a obra, que é o que imos facer”, remata Pilar García Porto.