Visitaremos un antigo muiño de auga. Este tipo de “industrias” tiveron unha vital relevancia no desenvolvemento económico da posguerra.

A base do cobro do cánon que consistía nunha porción de gran ou de fariña (a maquía), o muñeiro culminaba un proceso que se iniciaba co traballo da terra, a sementeira, recolección e a malla. E nesa transformación do gran (millo, centeo e trigo) empregábase unicamente a enerxía hidráulica que movía as pesadas pedras do muiño.

Visitaremos nesta ruta o Muiño do Corgo, situado na parroquia de Vilapoupre.

Sistema recomendable: En bicicleta ou a pe (a meirande parte do percorrido vai ser por carreteras ou camiños asfaltados)
Punto de partida: Pza. do Concello de Antas de Ulla
Distancia aproximada (ida e volta): 9 Km
Cobertura telefónica: boa con tódolos operadores, salvo determinados tramos moi puntuais.

Partiremos da Praza do Concello de Antas, con dirección Norte, pola rua do Xeneral Portomeñe (carretera de Alvidrón). Alonxados das últimas casas da vila, con non máis de 0,7 Km percorridos adentrámonos no lugar coñecido como “Campo das Antas”; de vexetación frondosa e abundante, que nos acompañará en boa parte do noso percorrido.

Seguiremos pola mesma via, deixando á nosa esquerda o desvío para Cervela no Km 1,7 e 100 metros máis adiante será o de Vilapoupre o que deixaremos á nosa dereita.

Descendemos a pronunciada pendente ata que, cando ésta remata, tomamos o desvío á dereita con dirección a Mancegar (Km 2,4). Polo estreito camiño asfaltado chegamos en pouco máis de 400 metros ás primeiras casas da aldea. Entre elas tomaremos primeiro á esquerda e logo á dereita para adentrarnos na aldea. No Km 3, perto dun pequeno regueiro, continuaremos á dereita, alonxándonos de Mancegar para chegar ó lugar de Alvidrón de Outeiro (Km 3,5), que a pesares de asumir o nome de Alvidrón, pertence á parroquia de Vilapoupre.

A espesura e frondosidade da vexetación continuará acompañándonos ata Portocarreiro (aldea na que se atopa o lugar de descanso coñecido como “A Casa da Terra”, que poderemos ver á nosa esquerda cando continuamos pola carretera).

Pouquiño despois de sobrepasar Portocarreiro, no Km 4,4 do percorrido, deixaremos o asfalto para tomar o camiño de terra que hai á esquerda. A vexetación tórnase máis arbustiva e conífera. En tan so un km a variación de flroa resulta espectacular, dando fe da riqueza da zona.

Con pouco máis de 300 metros xa estaremos a carón do rio, que neste punto descorre presuroso en dirección Norte.

A primeira construcción que nos atopamos (na marxe dereita do rio) é un refuxio de pescadores (tutelado pola Asociación de Pescadores da Ulloa), que habitualmente está aberto, podendo resgardarnos da choiva ou do frio e, incluso, facer uso del para alimentar os corpos dos camiñantes ou ciclistas (se levamos algún tentempé).

Xusto sobre a ponte, de pedra e hormigón, que cruza o rio, podemos observar o Muiño. Trátase dunha construcción de cantería, con duas plantas e cuberta a tres augas. Dende esta privilexiada posición poden observarse con claridade as duas buxas (pezas de desaloxo da auga que xa se empregou como fonte enerxética do muiño) coas que conta esta construcción.

(Compre lembrar neste punto que se trata dunha propiedade privada; polo que convén facer un chamamento ó sentido común no senso de saber conxugar o dereito de uso e disfrute da ribeira co de máximo respecto á privacidade.
Tamén unha indicación do autor da ruta para reiterar o especial coidado no lugar se nos acompañan nenos; xa que a cercanía do rio e, sobre todo, da presa do muiño; poden resultar lugares de especial atracción para eles, co risco que comportan).

Logo das licencias tomadas por quén esta ruta describe, faremos o camiño de volta.

Para elo voltaremos sobre o camiño de terra ata atopar novamente o asfalto (Km 5,1), lugar no que desta vez tomaremos á esquerda e seguiremos a carretera ata que nos achegue a Vilapoupre (Km 6). Descorremos polo medio da aldea ata toparnos cun cruce de 4 camiños (km 6,4), no que nos decidiremos polo do medio (de frente), deixando á esquerda unha finca con un hórreo de tres claros sobre cepa de mampostería e, por detrás do hórreo, queda tamén a Igrexa de San Martiño de Vilapoupre.

Xa non deixaremos este estreito e asfaltado camiño ata que no Km 8,1 volvemos dar coa carretera de Alvidrón, moi perto do cementerio parroquial de Antas e a carón dunha pequena área de descanso con centenarios carballos e pequenas mesas de pedra.

Continuaremos á esquerda pola xa coñecida carretera, que nos levará ó punto de partida.