Ubicado nun cruce de camiños, un que leva á Ponte Mercede-Antas e outro que se adentra no interior da aldea, o cruceiro de Santa María de Alvidrón ten vara octogonal, asentada sobre peana cadrada.
A propia vara tórnase cilíndrica cando se achega ó capitel esferoidal. O devandito capitel leva un ben explícito ecuador, con meridianos a unha e outra banda.
A Cruz, de sección rectangular,amosa por un lado un Cristo baixo INRI, con cabeza desproporcionadamente grande e inclinada para a dereita. Ten as mans, cravadas, abertas e o pe dereito sobre do esquerdo.
Na outra cara representa unha Virxe Dolorosa en pe, cuberta por un mantelo e coas mans cruzadas. Á vista ten o corazón atravesado por sete espadas.
Moi perto do cruceiro xa se albisca a Igrexa, unha das pezas do románico de Antas de Ulla, datada segundo diversos autores con unha orixe na última parte do século XII.
Conserva a inicial planta románica, con nave e ábside rectangulares. A porta da fachada coróase con unha triple arquivolta de medio punto. Unha columna a cada lado -a pano co muro- soportan a maior. Presenta en ambos muros laterais, os típicos “canecillos” con figuras xeométricas (agás un a cada lado, que representan unha figura zoomórfica e unha humana).