O Concello de Antas de Ulla repartirá este ano 50 novos composteiros entre a cidadanía interesada. No seu compromiso coa mellora da xestión dos residuos urbanos, o Concello continúa impulsando o programa de compostaxe doméstica, iniciado en 2020. Actualmente, preto de 200 vivendas xa participan nesta iniciativa, reciclando in situ os seus residuos orgánicos.
Como participar no programa de compostaxe
Para unirse ao programa, só tes que solicitalo no Concello. Unha vez feita a solicitude, persoal contratado polo Concello, contactarate para invitarte a unha pequena xornada de formación sobre compostaxe. Ao finalizar a sesión, recibirás un composteiro e un manual detallado para asegurar o éxito do proceso. Ademais, contarás coa visita a domicilio de persoal técnico especializado, que resolverá calquera dúbida ou problema que poida xurdir no inicio da compostaxe.
Bonificación na taxa de recollida de residuos
Dende o Concello, queremos lembrar que todas as vivendas que dispoñan dun composteiro doméstico e o utilicen de forma habitual para xestionar os residuos orgánicos, poderán solicitar unha bonificación do 30% na taxa de recollida domiciliaria de residuos sólidos urbanos.


