Localización
ubicacion

Servizos ó cidadán

Rutas culturais

imagen

Listado





RUTA Ó BALNEARIO DE FRÁDEGAS

Distancia a percorrer: (Ida e volta) 20 Km

Recomendacións: O percorrido farase todo por carreteras asfaltadas. Con todo, e tendo en conta o percorrido total, faise preciso levar auga suficiente.

Cobertura telefónica: aceptable, agás puntos moi concretos do percorrido

Punto de partida: Pza. do Concello de Antas de Ulla.

Destino: Antigo balneario de Frádegas, ó carón do rio Ulla.(Actualmente en ruinas)

 

A ruta pode facerse andando ou en bicicleta de montaña ou paseo.
A idea está pensada para que sexa en bicicleta, pero se o visitante dispón dunha mañán ou tarde (preferentemente no verán), animamos a facela andando.
Tendo en conta que se transitará por carreteras asfaltadas da rede local, consideramos que –salvo puntos moi concretos e de pequenas distancias- o esforzo será medio-baixo.
Temos estimado en bicicleta para ida e volta : 1 hora e 30 minutos (sin contar as paradiñas que de seguro lle apetecerán ó visitante en moitos puntos do percorrido. So é un dato estimativo que fixo quen esta ruta redacta).
Partimos dende a Praza do Concello de Antas de Ulla pola rua Xeneral Portomeñe, con dirección a Alvidrón e á Ponte Mercede. Ó pouco de deixar as últimas casas da vila xa nos imos adentrando nunha paixaxe frondosa en vexetación e rica en biodiversidade. Non será difícil que nos atopemos con todo dipo de aves rapaces e , se o visitante ten sorte coma o autor desta ruta, ata pode ter ocasión de observar de preto exemplares de corzo…
No Km 3 chegamos á aldea de Alvidrón. Sobrepasando as suas casas veremos á dereita o cruceiro desta parroquia. Recomendamos ó visitante xirar a carón do citado cruceiro para subir a pequena costa coa fin de achegarnos (menos de 50 metros) á Igrexa románica mais antiga do Concello.
Retomemos o noso camiño e volvamos baixar cara o cruceiro, dando continuidade á carretera que nos trouxo ata aquí. No Km 3,6 pasaremos pola aldea de Feás, último núcleo de poboación ata que cando levemos 5 Km percorridos e cheguemos á Ponte Mercede.
Alí, xa o Ulla facendo barullo e a carón da pequena Hermida, xustiño antes de cruza-la ponte que nos levaría a terras do Concello de Palas de Rei, desviámonos á esquerda, seguindo o curso do rio que queda á nosa dereita.
Novamente mergullados na espesura e riqueza da vexetación que osixena os pulmóns do ciclista, continuaremos camiño con dirección a Santa Mariña. Veremos o indicador de Vilariño no Km 6,7, pero nós continuamos a leve ascensión , deixando á esquerda a frondosidade de carballeiras e abeneiros e á dereita as terras de labradío dos veciños de Santa Mariña.
Despois da pequena subida, e pasado un nobel pinar (Km 7,6), con Santa Mariña á nosa vista, recomendamos deter o noso camiño para –ó tempo que botamos un grolo de auga- observamos ó noso frente o campanario da Igrexa e á esquerda veremos con certa distancia a solemnidade do Pazo de Santa Mariña.
Animamos a continuar a marcha, xa que no camiño de regreso teremos ocasión de observalo con mellor perspectiva e cercanía. Adentrámonos en Santa Mariña ata chegar a un sinal de Stop. Alí tomamos á dereita nun ángulo mais que de noventa graos. De contadiño teremos á nosa dereita a Igrexa parroquial e á esquerda un Via Crucis de cruceiros en pedra…Se o visitante os quere contar, mellor que deteña o seu pedaleo. É todo un Via Crucis.
Seguimos a nosa marcha sin deixar a carretera, deixando á dereita Vilariño e adentrándonos novamente na espesa vexetación de novos e vellos castiñeiros, carballos, pinos…ata que no Km 9,3 atoparemos – case oculto entre a vexetación- un cruceiro de pedra, con Cristo baixo Inri e a Virxe das Dores polo outro lado. Neste punto tódolos visitantes do Balneario se santiguaban e refrescaban o seu camiñar.
Pouco despois do Cruceiro (500 metros despois), albiscando xa a aldea de Frádegas, tomamos o desvio á dereita. Non deixaremos esta carretera, que baixaremos con tino, ata que nos leve novamente ata o río. O seu carón a vella construcción do Balneario (Disfrute o visitante da natureza e non agarde atopar un moderno edificio, xa que éste non era o obxectivo da nosa viaxe).
Estaremos no Km 10,7.
O Balneario é unha vella construcción en U, que se atopa xusto antes da ponte. En estado  ruinoso.Podemos adentrarnos na “boca” desa U, seguindo o camiño entre a vexetación, que nos levará ós “pichos” de augas sulfurosas.
Deixamos á elección do visitante o probar as augas. Lembrarlle somente que por mor de poder probalas con fins curativos, viñeron dende antigo milleiros de visitantes.(Agora ben, os supostos poderes curativos, non son garantía dun sabor agradable...)


O camiño de volta farémolo sobre dos nosos pasos ata chegar de novo a Santa Mariña (Km13,5). Alí seguiremos de frente en vez de volver polo mesmo camiño da ida. Veremos un magnífico exemplar de hórreo sobre o muro de mampostería e non moitos metros despois teremos á nosa esquerda unha das entradas principais do Pazo de Santa Mariña, co escudo dos Torre Penela sobre o arco.
Seguindo a carretera, entre o muro do Pazo á esquerda e o hórreo da Casa de Regueira á dereita, continuaremos sempre á esquerda ata alonxarnos un chisco das últimas casas de Santa Mariña. Mais ou menos no Km 13,9 podemos deternos para observar aquel outro angulo prometido da balaustrada do Pazo.
Seguiremos movendo os pes ou pedais, chegando en duas pequenas subidiñas ó lugar de Gradoi (Km 15 do noso percorrido). Pasaremos a carón da Igrexa parroquial, co seu cruceiro á nosa dereita. Poucos pedaleos despois acadaremos a aldea de Randulfe , berce de grandes canteiros e mestres constructores de moitos dos hórreos da bisbarra.
No Km 18 veremos á nosa dereita unha boa cantidade de galiñas en liberdade, nunha grande extensión pechada con alambrada. Lembre o visitante que os ovos destas galiñas que escarabellan no chan de herbas, de seguro os terá visto en moitas tendas de alimentación de todo o país. Son unha pequena mostra das que pertencen á marca Pazo de Vilane de Antas de Ulla.
De contado atravesaremos unha ponte sobre o chamado “rio pequeño” ou "rio do estanco", un dos moitos afluentes que Antas aporta tamén o seu fillo Ulla.
Non se aflixa o camiñante pola subida que sigue a continuación. É moi pouca a distancia que nos separa xa de Antas novamente. Tal que así, no Km 19,8 diante dunha pequena encrucillada, tome o visitante o camiño que mais se lle tercie que ambolos dous…o levarán ó punto de partida.




VISITA ÓS PETROGLIFOS DE SAN FIZ

A presente ruta pódese facer andando (recomendable) ou tamén en bicicleta de montaña (parcialmente).

Distancia a percorrer (Ida e volta): 11 Km

Recomendacións: Levar calzado axeitado para andar polo monte, auga para beber e  protección  solar.

Cobertura telefónica: Movistar (boa). Vodafone (boa). Orange (zonas de nula cobertura).

 

Punto de partida: Praza do Concello de Antas de Ulla

Destino: Ladeira oriental do monte Farelo (zona de petroglifos no denominado "Monte de San Fiz")

 

Partimos con dirección a Olveda (hai indicación) e, nada máis rematar a Praza Nova, tomamos á dereita pola Rúa Rodeiro. A 0,5 Km (rematada a citada rúa) seguimos novamente á dereita, tomando dirección  a Vilasión-San Fiz-O Castro.

 

Seguiremos pola carretera, entre novas construccións unifamiliares de recente factura. De contado, cando deixemos atrás a última desas construccións e levemos pouco máis de 1 Km percorrido, veremos ó frente o Monte Farelo coroado polos eólicos en movemento...

 

Adentrámonos en Vilasión, onde nos recibirá unha escolta de centenarios carballos que a bo seguro refrescarán a camiñata se o día é soleado e caluroso. Deixarémonos levar polo medio da aldea, ata sobrepasala e continuando pendente abaixo (deixando á dereita o indicador que nos levaría a O Castro).

 

Despois da corta pero pronunciada baixada, adentrámonos na vexatación intensa de pastos, carballeiras e bidueiros que siguen o curso dun regato. Ese aire osixenado proporcionará ó visitante as forzas necesarias que precisará para subir ata o pobo de San Fiz.

 

Km 2,27: Estamos en San Fiz de Amarante. No primeiro desvío tomaremos á esquerda, deixando a Igrexa (que se o visitante ten tempo e así o determina, pode facer un pequeno alto para observar polo seu lado Oeste, cos escudos dos Condes de Amarante adornando a entrada).

 

No Km 3 un novo cruce, no que xiraremos novamente á esquerda, en dirección a Bellos-Ermide e Santa Cristina. (Detéñase neste cruce o visitante para observar ó frente un exemplar de hórreo de dous claros, suspendido sobre "mesas", elemento non moi habitual na bisbarra).

 

Sobrepasado San Fiz, no Km 3,5, deixaremos o asfalto para tomar o Camiño Real que hai á dereita, enfilando cara a falda do monte. Aquí o camiño tornarase duro para o ciclista; que seguramente ha poñer o pe en terra, debido á tosquedada que as augas correntes da montaña provocan na pendente de terra e pedras.

 

Con 4 Km percorridos xa estamos en plena falda da montaña. Percíbese na vexetación de coníferas e no aire que se respira. De contado atoparemos un cruce de camiños, no que elexiremos á dereita, cara un depósito de auga adicado a surtir do líquido elemento ós Servizos contra incendios.

 

A carón deste depósito podemos deixar as bicicletas, para continuar os 50-60 metros restantes á dereita, deixando o Camiño Real, e seguindo as pegadas que os veciños da zona deixaron coa maquinaria agrícola...

 

De contadiño, á nosa esquerda atoparemos "A Pena" (aprox. no Km 4,5). Este é un dos lugares do noso destino (que se corresponde coa fotografía que da título a esta Ruta).

 

A viaxe de regreso ímola facer polo Castro de Amarante. Para elo voltaremos sobre os nososo pasos ata o depósito de auga, para retomar o xa citado Camiño Real á dereita. Non o abandonaremos (xirando á dereita nun pequeno cruce, a continuación do cal atoparemos un rego que atravesa o camiño), ata dar novamente co asfalto (Km 5,8). Ese punto é unha encrucillada, na que tomaremos á dereita, baixando cara o Castro de Amarante.  Neste treito acompañarannos sinais ou balizas indicadoras de zona cicloturística.

 

Descansará o ciclista na baixada ata o Castro, aldea que atopará o visitante no Km 7,4 cruzando unha pequena ponte sobre o afluente do Ulla, chamado "rio pequeno" ou "rio do Castro". Polo medio da aldea tomaremos sempre polo empedrado á esquerda, seguindo as sinais descritas anteriormente, que nos han levar á carretera de Lugo-Vigo (Km 7,9).

 

Nese punto tomaremos a citada vía á dereita (carretera con moito tráfico rodado, sendo aconsellables medidas de precaución se a ruta se fixo con nenos). De seguida chegaremos a Vilane, que nos recibe coa derradeira pendente ascendente do percorrido; ó final da que xa albiscaremos novamente as primeiras casas de Antas.