Localización
ubicacion

Servizos ó cidadán

Rutas Sendeirismo

imagen

Listado





SUBIDA Ó MONTE FARELO (EN BICICLETA DE MONTAÑA)

RUTA ATA O MONTE FARELO

Sistema recomendable: ainda que se pode facer perfectamente a pe, neste caso ímola describir pensando en facela en bicicleta.
Mellor se é de montaña, ainda que se é de paseo, tamén pode valer.
Punto de partida: Praza do Concello de Antas de Ulla.
Punto de destino: Mirador na cima do Monte Farelo.
Tempo estimado (ida e volta) :1 hora e 55 minutos.
Distancia aproximada: 21,8 Km (12,4 para a ida e 9,4 para o regreso.

Cobertura telefónica: Movistar (aceptable). Vodafone (aceptable). Orange (aceptable)
Tendo en conta que se trata de subir a un monte, ainda que se transitará por carreteras e pistas asfaltadas na maior parte do percorrido, quedará claro ó lector que se trata dunha ruta que precisa dun esforzo medio-alto. En todo caso paga a pena pola diversidade de monumentos e de vexetación que imos atopar. E se o facemos con calma -como se deben facer as cousas- ocuparemos de xeito excelente unha mañán.
Partimos da vila de Antas pola N-640 con dirección a Pontevedra. Ó pouquiño de deixar as últimas casas de Antas ,con un Km percorrido, á nosa esquerda veremos o magnífico Pazo de Vilane. Pouco despois chegaremos ó lugar de Castro de Amarante(Km 2,5) (berce dos Condes do mesmo nome), onde nos desviaremos á esquerda para subir polo medio da aldea, por onde nos guiarán as balizas de sinalización , podendo visitar a sua magnífica Igrexa sin apenas desviarnos da ruta. Dende alí pódese observar tamén a Fortaleza de Amarante.
Continuamos pola carretera que nos levará ata San Fiz ( Km 4), No cruce seguiremos o indicador de Bellós e Santa Cristina.Nesta aldea atópase unha excelente mostra de hórreos típicos do interior de Galicia, sobre cepa de mampostería ou sobre muretes de sillería, construidos con costais de madeira. Na continuación do noso camiño, ainda divisando as últimas casas de San Fiz e albiscando xa as da aldea de Bellós, estaremos diante dunha das paisaxes mais fermosas, recomendando deter o noso camiño para observar un verdadeiro agasallo para os ollos: á esquerda a frondosidade das chousas de carballos e castiñeiros, xunto co verde intenso dos pastizais; á dereita podemos ver a grandeza e o señorío do "Pai Farelo"... coroado dende o 2005 por un parque eólico.
A paradiña virá ben para acopiar forzas, xa que a subida por Bellós (Km 5,3), ata Ermide (no Km 6,5) notarase nas pernas do ciclista. Chegados a esta aldea, xa co monte moi perto de nós, continuaremos ata Santa Cristina (Km 7,2). Tomando dirección á dereita, sempre guiados xa pola visualización do Farelo chegaremos ó lugar de A Somoza (Km 8), último núcleo de poboación que atoparemos antes de acadar o cumio.
Xiraremos á dereita facendo caso do indicador que nos sinaliza "Monte Farelo" e Parque eólico.Tomémonos con calma a subida( de seguro que haberá que baixar "platos" da nosa bicicleta, pero..quen dixo presa?) adentrarémonos no noso obxectivo.
Sin deixar a zona asfaltada, e seguindo as sinais horizontais a pe de carretera non teremos perda xa metidos de cheo no Farelo, entre os “muiños” de vento que o poboan. No km 10,5 deixaremos o firme de asfalto, para continuar por pista de terra pola dereita, tendo como guía e obexctivo o último dos “muiños” e seguindo as sinais acadaremos o cumio no Km 12,4.
Alí atópase un pequeno mirador, moi perto dun Vértice Xeodésico.
Deixamos aquí a nosa descripción, para que sexa o ciclista quen descubra o que dende aquela privilexiada atalaia poida ver...
Eso sí, se foi provisto de prismáticos, e a claridade do día o permite, moito mellor!!!.
Para o regreso (que evidentemente ha ser mais doado para o ciclista), recomendamos -ó chegar a Santa Cristina (Km 4,8 de volta) - en vez de tomar o camiño de ida desviándonos á esquerda cara Ermide, continuar de frente seguindo a carretera que nos trae de A Somoza. Dese xeito pasaremos pola aldea de Nugallás No Km 6,1 , e así o camiñante ou ciclista poderá afirmar que de certo estivo no Centro Xeográfico de Galicia, ubicado nese lugar, segundo cálculos feitos polo Sistema de Información Territorial de Galicia (SITGA).
Alí, á man esquerda da nosa marcha , a carón da carretera mesma, hai outro magnífico hórreo tradicional de Antas cos seus catro "claros", suspendido sobre cinco muretes de sillería e coroado por unha cruz latina resarcelada e un lampeón fusiforme.Podedes facervos unha foto tamén a carón do valado co hórreo de fondo...
Dende Nugallás, sin dar moito pedal, chegaremos de novo a Antas de Ulla en pouco mais de cinco minutos, pasando por Veloín e por O Carballo (Km 7,9), con un percorrido de retorno total de 9,4 Km.
(Percorrido total: 21,8 Km.)




VISITA A UN MUIÑO DE AUGA

Visitaremos un antigo muiño de auga. Este tipo de "industrias" tiveron unha vital relevancia no desenvolvemento económico da posguerra.

 

A base do cobro do cánon que consistía nunha porción de gran ou de fariña (a maquía), o muñeiro culminaba un proceso que se iniciaba co traballo da terra, a sementeira, recolección e a malla. E nesa transformación do gran (millo, centeo e trigo) empregábase unicamente a enerxía hidráulica que movía as pesadas pedras do muiño.

 

Visitaremos nesta ruta o Muiño do Corgo, situado na parroquia de Vilapoupre.

 

Sistema recomendable: En bicicleta ou a pe (a meirande parte do percorrido vai ser por carreteras ou camiños asfaltados)

Punto de partida: Pza. do Concello de Antas de Ulla

Distancia aproximada (ida e volta): 9 Km

Cobertura telefónica: boa con tódolos operadores, salvo determinados tramos moi puntuais.

 

Partiremos da Praza do Concello de Antas, con dirección Norte, pola rua do Xeneral Portomeñe (carretera de Alvidrón). Alonxados das últimas casas da vila, con non máis de 0,7 Km percorridos adentrámonos no lugar coñecido como "Campo das Antas"; de vexetación frondosa e abundante, que nos acompañará en boa parte do noso percorrido.

Seguiremos pola mesma via, deixando á nosa esquerda o desvío para Cervela no Km 1,7 e 100 metros máis adiante será  o de Vilapoupre o que deixaremos á nosa dereita.

Descendemos a pronunciada pendente ata que, cando ésta remata, tomamos o desvío á dereita con dirección a Mancegar (Km 2,4). Polo estreito camiño asfaltado chegamos en pouco máis de 400 metros ás primeiras casas da aldea. Entre elas tomaremos primeiro á esquerda e logo á dereita para adentrarnos na aldea. No Km 3, perto dun pequeno regueiro, continuaremos á dereita, alonxándonos de Mancegar  para chegar ó lugar de Alvidrón de Outeiro (Km 3,5), que a pesares de asumir o nome de Alvidrón, pertence á parroquia de Vilapoupre.

A espesura e frondosidade da vexetación continuará acompañándonos ata Portocarreiro (aldea na que se atopa o lugar de descanso coñecido como "A Casa da Terra", que poderemos ver á nosa esquerda cando continuamos pola carretera).

Pouquiño despois de sobrepasar Portocarreiro, no Km 4,4 do percorrido, deixaremos o asfalto para tomar o camiño de terra que hai á esquerda. A vexetación tórnase máis arbustiva e conífera. En tan so un km a variación de flroa resulta espectacular, dando fe da riqueza da zona.

Con pouco máis de 300 metros xa estaremos a carón do rio, que neste punto descorre presuroso en dirección Norte.

A primeira construcción que nos atopamos (na marxe dereita do rio) é un refuxio de pescadores (tutelado pola Asociación de Pescadores da Ulloa), que habitualmente está aberto, podendo resgardarnos da choiva ou do frio e, incluso, facer uso del para alimentar os corpos dos camiñantes ou ciclistas (se levamos algún tentempé).

Xusto sobre a ponte, de pedra e hormigón, que cruza o rio, podemos observar o Muiño. Trátase dunha construcción de cantería, con duas plantas e cuberta a tres augas. Dende esta privilexiada posición poden observarse con claridade as duas buxas (pezas de desaloxo da auga que xa se empregou como fonte enerxética do muiño) coas que conta esta construcción.

 

(Compre lembrar neste punto que se trata dunha propiedade privada; polo que convén facer un chamamento ó sentido común no senso de saber conxugar o dereito de uso e disfrute da ribeira co de máximo respecto á privacidade.

Tamén unha indicación do autor da ruta para reiterar o especial coidado no lugar se nos acompañan nenos; xa que a cercanía do rio e, sobre todo, da presa do muiño; poden resultar lugares de especial atracción para eles, co risco que comportan).

 

 

Logo das licencias tomadas por quén esta ruta describe, faremos o camiño de volta.

Para elo voltaremos sobre o camiño de terra ata atopar novamente o asfalto (Km 5,1), lugar no que desta vez tomaremos á esquerda e seguiremos a carretera ata que nos achegue a Vilapoupre (Km 6). Descorremos polo medio da aldea ata toparnos cun cruce de 4 camiños (km 6,4), no que nos decidiremos polo do medio (de frente), deixando á esquerda unha finca con un hórreo de tres claros sobre cepa de mampostería e, por detrás do hórreo, queda tamén a Igrexa de San Martiño de Vilapoupre.

Xa non deixaremos este estreito e asfaltado camiño ata que no Km 8,1 volvemos dar coa carretera de Alvidrón, moi perto do cementerio parroquial de Antas e a carón dunha pequena área de descanso con centenarios carballos e pequenas mesas de pedra.

Continuaremos á esquerda pola xa coñecida carretera, que nos levará ó punto de partida.